26 de marzo de 2026
A Administración busca incorporar catro auxiliares para o Banco Municipal de Vivenda, un inspector e 16 oficiais de Policía Local, catro enxeñeiros de camiños e catro técnicos de diferentes áreas
O Concello, a través da empresa pública EMVSA, abriu hoxe o proceso para a provisión dunha praza de asesoría xurídica, unha de arquitectura técnica, unha de auxiliaría administrativa e unha de auxiliaría de xestión social, destinadas á xestión do Banco Municipal de Vivenda, orientado ao alugueiro social.
As persoas candidatas para cada un dos postos deben acreditar, ademais dunha experiencia previa mínima de 4 meses nun posto igual ao ofertado, a posesión da titulación esixida en cada caso. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán estar en posesión da credencial que xustifique a súa homologación. As persoas interesadas deberán xuntar toda a documentación requirida no prazo de 10 días hábiles desde a publicación no BOP. As bases completas pódense consultar nesta ligazón.
"O que buscamos coa apertura deste proceso é reforzar o noso equipo humano para realizar as tarefas que estamos a desenvolver en materia de vivenda social, un dos grandes deberes políticos que nos esixe a veciñanza ante os problemas de acceso á vivenda na cidade", subliñou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas.
Policía Local
Ademais das prazas para o Banco Municipal de Vivenda, tamén comezou o proceso de selección para varios postos de diferente condición na Administración Local. Na modalidade de promoción interna, está activa a busca dun inspector da Policía Local e de 16 oficiais (as persoas aspirante deben ter, cando menos, tres anos de antigüidade no servizo policial). As bases completas pódense consultar na sede dixital do Concello, nesta ligazón.
Outras prazas
Así mesmo, abríronse procesos para a adxudicación dunha praza de técnico medio de promoción de emprego e doutra de técnico de apoio social, ambas pertencentes á escala de Administración especial, subescala técnica, e cun prazo de presentación de candidaturas de 20 días.
"No Goberno de Inés Rey sabemos que para prestar servizos públicos de calidade é preciso contar con emprego público", apuntou Lage, recordando que o Goberno municipal ten convocado máis de 400 plazas nos últimos anos para reforzar as distintas áreas.
Oposicións
No Boletín Oficial da Provincia tamén se publicaron recentemente as bases específicas que rexerán o proceso selectivo do Concello para a cobertura, pola quenda libre, de catro prazas de enxeñeiro de camiños (as bases pódense consultar nesta ligazón) e dúas, pola quenda de promoción interna, de técnico medio de informática (as bases pódense consultar nesta ligazón).
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible