19 de xaneiro de 2017
A concelleira de Medio Ambiente salienta que estas obras, as primeiras que se realizan neste recinto desde o ano 2003, permitirán acabar cos problemas de limpeza e mantemento, ademais de fomentar novos hábitats para coidar da biodiversidade e avanzar cara a un manexo ecolóxico das zonas verdes
A Concellería de Medio Ambiente vén de iniciar esta semana as obras para a naturalización do estanque de Eirís, de cara a transformalo nun pequeno humidal urbano, a través da instalación de tres dispositivos de bombeo sumerxidos que facilitarán a circulación da auga, permitindo que o espazo poida ser naturalizado. O proxecto, tal e como destaca a responsable municipal desta área, a concelleira María García, supón a primeira actuación que se acomete no estanque desde o ano 2003, e servirá para acabar cos "graves problemas de mantemento e limpeza" do recinto pola falta de rexeneración das augas, o que causaba ata agora problemas de suciedade, ademais de dificultar a vida das distintas especies animais e vexetais deste hábitat. O que se pretende, indica, é mudar o modelo do estanque, "para pasar dunha cubeta de auga estancada e convertilo nunha zona de humidal naturalizado dentro da cidade, abrindo para a cidadanía espazos de oportunidade de contacto coa natureza, con toda a súa diversidade e riqueza, dentro do propio espazo urbano". "As administracións temos un deber ético de coidar e conservar a biodiversidade, de acordo cos compromisos internacionais nesta materia", sinala a responsable de Medio Ambiente, quen alude tamén á responsbailidade de loitar contra o cambio climático desde a escala local, "que ten un dos seus efectos máis claros na perda da biodiversidade".
Tal e como fai notar García, na Coruña existen pequenos espazos, coma este, caracterizados pola auga doce, que son "redutos de biodiversidade" e dan cabida a certas especies que non están presentes noutros espazos -como anfibios, libélulas ou aves- e que precisan que a auga estea en movemento. "Conservalos e potencialos facilita a observación destas especies por parte da veciñanza usuaria do parque, ampliando as posibilidades de gozar do mesmo, en especial nenos e nenas, e permite ademais crear oportunidades para desenvolver usos educativos a través do contacto co espazo natural que teñen máis próximo", destaca García.
Nese sentido, o proxecto de naturalización contempla a creación de pequenas cascadas verticais que permitirán aumentar a osixenación da auga do estanque, dentro do obxectivo de mellorar a súa calidade, promovendo a circulación interior e a integración dos puntos de entrada do caudal, demais dunha actuación adicional sobre as especies vexetais da contorna, que servirá para facer a transición co resto do parque de Eirís de cara a conseguir un espazo máis congruente co ecosistema. A este respecto, a concelleira encadra o proxecto dentro da transición cara ao manexo ecolóxico das zonas verdes da cidade.
Os traballos, que contan cun investimento de 21.646,67 euros (IVE incluído), comezaron esta semana e prolongaranse ata o vindeiro mes de febreiro, cando está previsto que rematen.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible