13 de febreiro de 2026
Os traballos levaranse a cabo entre a rúa Praga e a avenida de Nova York e permitirán incorporar novos equipamentos orientados á práctica deportiva e á actividade física ao aire libre
O Concello avanza coa súa folla de ruta para ampliar e mellorar os equipamentos públicos en todos os distritos da cidade, con novas actuacións previstas na Urbanización Valaire, onde proximamente se iniciarán os traballos de construción da que será a primeira área biosaludable e de calistenia no núcleo residencial.
Este espazo, concibido para fomentar a práctica deportiva e a actividade física ao aire libre, estará situado entre a rúa Praga e a avenida de Nova York, onde se adecuará unha pequena área de xogos infantís -infrautilizada actualmente- para habilitar os novos equipamentos.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, detallou máis polo miúdo o contexto desta intervención. A día de hoxe, a Urbanización Valaire dispón de varios parques infantís e outras áreas de xogos esparexidas pola zona. Por exemplo, a carón das rúas Múnich, Oporto e Maastricht. "Atendendo aos informes técnicos municipais, un dos espazos nos que se detectaron elementos en desuso foi o da rúa Praga e, neste sentido, entendemos que se pode aproveitar esta superficie pública co obxectivo de darlles resposta a outras necesidades das e dos veciños", razoou Díaz.
A edil destacou, ademais, a concepción interxeracional deste espazo, xa que a incorporación dos equipamentos biosaludables -pensados para fomentar o envellecemento activo-, son empregados habitualmente por persoas en idades máis avanzadas.
A previsión inicial é que os equipamentos da área biosaludable e de calistenia cheguen, aproximadamente, a finais de marzo. Isto marcará o punto de partida das actuacións, que incluirán a retirada dos xogos existentes, o movemento de terras e, xa con posterioridade, a instalación de equipamentos e mobiliario urbano e pechamentos.
Se as condicións meteorolóxicas foren favorables para o desenvolvemento dos traballos, estímase a súa execución no prazo dun mes. O investimento será de case 50.000 euros.
Máis e mellores equipamentos públicos nos barrios
A creación deste novo espazo deportivo na Urbanización Valaire permítelle ao Goberno de Inés Rey darlle continuidade á súa liña de traballo para modernizar e dotar de máis e mellores equipamentos públicos a todos os barrios da cidade.
Baixo esta filosofía, o Concello está inmerso na primeira fase do Plan de barrios 2025-27, que no caso de Valaire tamén establece actuacións para renovar a iluminación na avenida de Nova York e nas rúas Sofía e Oporto.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible