11 de julio de 2024
A actuación, que conta con financiamento estatal, supón un investimento de case 130.000 euros e súmase a outras proxectadas na Cidade Vella
Procederase ao peche perimetral da contorna e levaranse a cabo melloras de accesibilidade, xunto co tratamento das fachadas do xacemento
O Concello da Coruña realizará actuacións de mellora no antigo convento de San Francisco co obxectivo de acondicionalo e poñelo en valor como xacemento arqueolóxico, recuperando un dos espazos históricos da Cidade Vella. O Goberno de Inés Rey ten previstas unha decena de intervencións por valor de 2,1 millóns de euros para a mellora e dinamización do patrimonio cultural e histórico da Cidade Vella.
O proxecto, redactado polo estudo RVR arquitectos, recolle diferentes actuacións. No canto do exconvento de San Francisco, acometerase a mellora da accesibilidade ao enclave para a realización de visitas ao xacemento. Acondicionarase un novo camiño de acceso habilitando a porta existente, actualmente pechada, que delimita coa praza de Carlos I, prolongando o percorrido a todo o perímetro do xacemento. Para iso, o Concello pavimentará con laxes de pedra a parte inferior da Fundación Luís Seoane, que dará continuidade ao existente, prolongándoo ata o peche, e renovará o actual. Deste xeito, os dous camiños que arrodean o espazo rematarán no xacemento.
Ademais, crearase un novo peche perimetral máis resistente, que substitúa o actual de madeira, por un deseño máis calado que permita visibilizar o xacemento e integralo coa zona axardinada. Será de trazado sinuoso para a súa adaptación á xeometría do xacemento, en barras verticais de aceiro, con separación entre elas, similiares ás localizadas na Porta de San Miguel. Seguindo o mesmo esquema, substituirase a varanda próxima á Fundación, que actualmente dispón dun trazado obsoleto, posto que xa non existen as árbores que envolvía.
Sobre o xacemento, tamén se realizarán pequenas actuacións de limpeza e acondicionamento das fachadas, así como a impermeabilización da coroa do muro que une a torre da igrexa da Orde Terceira e o Museo Militar, arranxando ou substituíndo os elementos en mal estado.
En canto á iluminación, instalaranse novas lámpadas, con soportes integrados na contorna e luz rasante adecuada ao propio xacemento. Taméns se disporán novos paneis interpretativos, con soportes similares aos do peche perimetral, mellorando o aspecto e vista dos restos arqueolóxicos polos visitantes. Ademais, acometeranse outras pequenas melloras como a substitución do enreixado das xanelas do museo Militar por paneis metálicos.

10 de noviembre de 2025
Lo sentimos pero tu navegador es muy antiguo para poder mostrar esta página. Debes de actualizarlo o usar un navegador compatible. Hemos optimizado esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari y Microsoft Edge. Instalar ahora un navegador compatible