Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

13 de decembro de 2017

O Concello acorda co Sergas profundizar na solución técnica que permita ubicar, na parcela de Santa Lucía, un centro de saúde compatible co mercado, “cuxa remodelación é prioritaria”

O alcalde, Xulio Ferreiro, valorou, tras a xuntanza con representantes da Xunta, a “vontade de diálogo para atopar solucións e o consenso co conselleiro de Sanidade de que ningunha opción pode pasar por sacrificar a praza de abastos como o elemento dinamizador para o barrio”

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, valorou este mércores o "avance" acadado hoxe na xuntanza que mantivo co conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, así como "a vontade de diálogo amosada para chegar a solucións" que permitan mellorar a atención sanitaria da zona centro da cidade, que actualmente se presta no espazo sanitario de Federico Tapia. "Hoxe abrimos unha canle de diálogo boa, e atopamos puntos de acordo, como o feito de que o centro de saúde non se pode facer a costa de sacrificar o mercado de Santa Lucía nin o concepto do mercado como elemento dinamizador do barrio, algo no que creo que o conselleiro tamén está de acordo", sinalou Ferreiro, tras o encontro co responsable autonómico, no que tamén participaron os concelleiros de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, e Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Neste sentido, o rexedor avanzou que o Concello estudará nos próximos días se é posible tecnicamente reconfigurar o anteproxecto actual, de maneira que o Sergas poida ter na actual parcela de Santa Lucía un edificio "que lle permita algo máis de marxe, sempre baixo a premisa de que ningunha solución pode pasar por sacrificar un mercado que debe servir para dar servizo e dinamizar o barrio".

"O arquitecto Manuel Gallego -autor do proxecto do mercado orixinal e redactor do anteproxecto para a reforma- amosa moitas dúbidas de que nese espazo teña encaixe, sen que iso supoña tomar decisións que ninguén desexa, como subir moito as alturas do edificio e deixar a zona sen luz, e hoxe o volveu trasladar na xuntanza. Aínda así, non queremos tirar a toalla sobre esa posibilidade, porque está no ánimo de todas as partes que o proxecto que saia para adiante, aínda que non se nos escapa a dificultade, polo que imos volver a estudar se hai unha solución arquitectónica que sexa viable", incidiu Ferreiro. Como sinalou, na xuntanza desta mañá abriuse tamén a posibilidade de buscar, ante esa dificultade técnica, opcións doutras ubicacións na contorna de Santa Lucía e a Falperra, "que tamén é unha cuestión complexa urbanisticamente". "No noso ánimo, no das dúas partes, está traballar de forma construtiva", subliñou.

Nova xuntanza

O primeiro edil insistiu, na súa comparecencia ante os medios co conselleiro Almuíña logo da xuntanza, en que "o futuro centro de saúde ten que cumprir unha serie de estándares mínimos, aínda que, dende logo, nunca a costa do mercado". Ferreiro manifestou que, en base ao acordo sobre esta premisa que tamén amosou o conselleiro, "a reunión deste mércores serviu para referendar a nosa vontade de diálogo e o noso compromiso para achar solucións".

O mandatario local, non obstante, reiterou que a reforma do mercado "non está en dúbida". "Démonos uns días para repensar e volver a falar. Existe ánimo construtivo por ambas partes: miraremos se é posible buscar o encaixe do centro de saúde no edificio de Santa Lucía, ou ben noutro lugar no entorno da Falperra. Non obstante, o Concello vai reformar o mercado si ou si, e creo que niso non cabe ningunha dúbida", expuxo. "O que imos ver é se o equipamento que se comparte co mercado vai ser o centro de saúde, que creo que é algo que nos interesa a todos e a todas, ou, se non é posible, outro equipamento municipal que, dende logo tamén dará servizo e dinamizará o barrio", explicou.

"A postura do Concello da Coruña nunca foi caprichosa neste asunto, e creo que é perfectamente entendible. Non temos que elixir entre centro de saúde ou mercado, temos que ver como compatibilizar os dous usos. A fórmula que ata agora atopamos para compatibilizar semella que lle provoca problemas ao Sergas, por iso estamos a revisar, todos, a posibilidade doutras opcións", dixo.

Orzamentos 2018

En canto aos prazos para definir a ubicación do centro de saúde, Ferreiro explicou que "o Concello da Coruña ten présa, no sentido de que o que non queremos é manter ao mercado na situación na que está agora". "Nos orzamentos deste ano xa hai unha partida reservada para Santa Lucía. Non queremos dilatar a cuestión. Efectivamente, e sendo unha decisión que vai condicionar os próximos 20 ou 30 anos de equipamentos públicos, se é necesario tomar un par de semanas de estudo non vai pasar nada, pero o que queremos dende logo é chegar a unha solución o máis rápido posible", resolveu.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión