Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

26 de abril de 2018

O Concello acorda cos aparcadoiros da Cidade Vella tarifas especiais “máis económicas, variadas e adaptadas” para persoas residentes e traballadoras

O Goberno local dará conta da súa proposta de peonalización e cambios na circulación nun acto aberto á toda a veciñanza que se celebrará o 14 de maio no propio barrio

Os concelleiros de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, e de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, presentaron esta maña o acordo que o Goberno local acadou coas tres empresas concesionarias de aparcadoiros no entorno da Cidade Vella para ofertar tarifas especiais a persoas residentes e que traballan no barrio, ante o proceso de peonalización que comezará neste semestre. O acordo, no que se contou coa participación e colaboración da Asociación de Veciños da Cidade Vella, inclúe os aparcadoiros do Parrote, da Maestranza e de Marina Coruña, que ofrecerán "tarifas máis económicas, variadas e adaptadas a todo tipo de persoas usuarias, non só residentes senón tamén para traballadoras", como indicou Grandío.

O Goberno local explicará polo miúdo este primeiro paso na estratexia municipal para "poñer en valor un espazo público de grandes calidades que está infrautilizado por mor do estacionamento en superficie" nunha reunión aberta á veciñanza e aos colectivos que se celebrará o próximo 14 de maio no salón de actos do colexio Dominicos. Nela presentarase a estratexia de intervención na Cidade Vella e se dará a oportunidade á veciñanza para resolver dúbidas e formular suxestións, segundo explicou o concelleiro de Rexeneración Urbana, quen incidiu no clima de colaboración e intercambio de propostas que o Concello mantivo durante todo o proceso, dende o mes de febreiro, cos diferentes axentes da Cidade Vella e aos que quixo agradecer a súa participación no proceso. No mesmo sentido se pronuncio o edil de Mobilidade Sostible, que cualificou este debate coas persoas afectadas pola peonalización como "maduro e propositivo co único obxectivo de converter este espazo en paseable, vivible e compatible cunha Coruña próxima". O traballo nesta peonalización será, como indicou Varela, "un elemento catalizador de futuras intervencións na cidade e da recuperación do espazo público para as persoas".

O acordo coas concesionarias inclúe unha reserva durante dous anos a prezos especiais de máis de 200 postos, acordados coa veciñanza e "que cobren con creces as prazas que se van a eliminar na Cidade Vella", á vez que os aparcadoiros seguen mantendo as tarifas e descontos para o comercio da zona. No do Parrote ofértase a tarifa de 24 horas todos os días do ano cun 48% de desconto sobre o prezo habitual. Así pasa dos 155 euros a 85 ao mes para pago mensual e a 80 euros ao mes se se fai o abono anual. Tamén disporá de tarifas diúrnas, nocturnas e mixtas para residentes, por un máximo de 65 euros ao mes. Así o prezo por deixar o coche de luns a venres entre as 19.00 e as 10.00 horas máis as 24 horas as fins de semana e festivos será de 50 euros mensuais; a tarifa diúrna reducida (de 07.00 a 16.00 horas) de luns a venres custará 35 euros ao mes; a diúrna de 07.00 a 22.00 horas de luns a sábados ten un prezo de 60 euros e a mixta, de 15.00 a 09.00 horas de luns a venres e fins de semana e festivos serán 65 euros.

No aparcadoiro da Maestranza a tarifa nocturna (entre as 15.00 e as 09.00 horas) máis sábados, domingos e festivos custa 45 euros ao mes, mentres que no Marina Coruña oferta un pago mensual de 75 euros por mes ou un pago anual anticipado de 610 euros fronte aos 800 que custa habitualmente este servizo. Para os e as comerciantes existe unha tarifa de luns a sábado (de 07.00 a 21.00 horas) por 50 euros ou de luns a venres nas franxas de mañá, tarde ou noite por 40 euros ao mes. As prazas xa están dispoñibles para a súa solicitude. O concelleiro de Mobilidade Sostible, que considerou que este acordo se debe "ao traballo conxunto coa Asociación de Veciños e a boa actitude e compromiso das concesionarias", apuntou que esta oferta de prazas en aparcadoiros completarase cun espazo en superficie para as persoas residentes que non se queiran acoller a estas tarifas e que será comunicado á veciñanza na xuntanza prevista para maio.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión