3 de agosto de 2023
Os dispositivos, ideados como medida disuasoria para calmar o tráfico nas inmediacións dos centros escolares, están ubicados no paseo marítimo, a rolda de Outeiro, A Sardiñeira, a estrada de Eirís e Feáns
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Mobilidade, rematou hoxe os traballos para a instalación e activación de cinco novos radares pedagóxicos que están localizados en vías interurbanas próximas a diversos centros educativos da cidade.
Esta medida, posta en marcha polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a prevención e o alivio do tráfico nas inmediacións dos centros educativos coruñeses, levouse a cabo nos seguintes enclaves: o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza coa rúa Modesta Goicuría -á altura do IES Eusebio da Guarda-, a rolda de Outeiro, na contorna do CEIP Sagrada Familia, a avenida da Sardiñeira -nas proximidades do CEIP José Cornide-, a estrada de Eirís, na contorna do Colexio Internacional Eirís e a rúa Obradoiro, preto do acceso ao CEIP Manuel Murguía, en Feáns.
Neste sentido, este mércores levouse a cabo a instalación en rúa dos postes nos que están colocados os cinco novos dispositivos, paso preliminar, e imprescindible, para a posta en marcha dos paneis electrónicos, que se executou este xoves.
Entre finais de maio e inicios de agosto activáronse dez paneis de carácter disuasivo
Os dispositivos, que contan cunha pantalla led e un indicador tricolor -en verde, ámbar ou vermello- que amosa a velocidade de circulación do vehículo ao seu paso, actúan como medida disuasiva e emiten unha advertencia cando se supera o límite de velocidade, sen que implique medidas sancionadoras.
Xa a finais de maio, o servizo municipal de Mobilidade iniciou a primeira fase de colocación destes paneis indicadores da velocidade, activando cinco radares pedagóxicos na rúa Juan Flórez -á altura do colexio Labaca-, a avenida Alfonso Molina -no sentido de acceso á cidade e xa superando o desvío cara a Juan Flórez-, a rolda Camilo José Cela -nas inmediacións do colexio Ramón de la Sagra-, a estrada dos Fortes -en sentido de baixada cara o acceso ao colexio Calasancias- e a avenida da Habana.
Hoxe, e tras completarse a segunda fase das intervencións previstas, o Concello incrementa a dez o número de paneis pedagóxicos habilitados este ano preto dos centros educativos coruñeses.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible