29 de maio de 2016
A concelleira de Medio Ambiente, María García, avanza que a medida “permitirá respetar os ciclos de cría naturais” e que a veciñanza “poida gozar dun espazo de alto valor ecolóxico ao pé da cidade”
A Concellería de Medio Ambiente vén de implantar unha experiencia piloto na contorna da Torre de Hércules á fin de respectar os ciclos de cría naturais das especies nun dos espazos de maior riqueza biolóxica do termo municipal. A iniciativa, "que unirá os criterios de conservación da natureza aos estacionais", segundo explicou a responsable de área, María García, activará o plan de sega na zona contra o final da primavera "e permitirá a cría de aves e anfibios así como o desenvolvemento doutras especies animais que precisan dunha vexetación natural". A concelleira indicou que ata agora o plan de sega "viña activándose nos meses de marzo e abril en todo o espazo sen ter en conta que se destruían moitas zonas de cría e alimentación" e que, con esta medida, "ademais de protexer a contorna con accións simples pero efectivas, a veciñanza poderá descubrir un entorno único, gozar da observación de numerosas especies de aves e da natureza aos pés da cidade". Deste modo a sega, que nesta época realízase arredor dos camiños e zonas de esparcemento e con finalidade preventiva, iniciarase antes do verán nas zonas de maior tránsito de visitantes, pero respectará os puntos máis singulares de biodiversidade.
O proxecto piloto vén asociado á creación do Mapa da Biodiversidade, o primeiro documento que elabora o Concello para catalogar as especies e hábitats naturais da Coruña, e que considera a contorna da Torre de Hércules como unha das zonas de especial relevancia dentro do termo municipal pola súa riqueza biolóxica. Deste modo, a execución do plan de sega segundo este proxecto piloto, respectará a vexetación natural das zonas máis apartadas da afluencia de visitantes, como son os cantís e contornas das pozas e árbores -2 metros- que protexen non só a aves senón tamén anfibios "moi ameazados a nivel mundial, como a ra das veigas, e que na cidade temos a sorte de poder observar na contorna dun patrimonio natural como é a Torre de Hércules", argumentou a concelleira.
A implantación desta experiencia piloto, "que poderá trasladarse a outros espazos naturais do municipio", explicou García, ten tamén entre os seus principais obxectivos "fomentar que a cidadanía goce dos espazos de alto valor ecolóxico que ten A Coruña", polo que a área de Medio Ambiente instalará paneis informativos nas próximidades ás zonas sinaladas pola súa relevancia á fin que a veciñanza poida coñecer de primeira man estes espazos naturais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible