15 de maio de 2026
As actuacións inclúen unha reestruturación das parcelas, a reposición de material, reparacións, a modernización do sistema de peche e a incorporación de novos elementos
O Concello adxudicará ao longo deste mes as hortas urbanas municipais despois de acometer varias reformas estruturais. En localizacións como Novo Mesoiro ou Eirís, o número de parcelas aumentou grazas a unha redistribución dos terreos dispoñibles. En Eirís, pasarase de 81 a 93 hortas, e en Novo Mesoiro de 36 a 38.
Ademais, os servizos municipais atenderon nas actuacións ás peticións das persoas usuarias. Así, en Eirís instaláronse depósitos de auga en varios puntos para mellorar o abastecemento das hortas. E en Novo Mesoiro colocouse unha pérgola cuberta a continuación da caseta. Nas parcelas que presentaban problemas de drenaxe, renovouse o sistema.
Con respecto ás casetas, colocáronse dúas novas construcións en Eirís e unha en Novo Mesoiro para ampliar os espazos para as ferramentas e materiais de cultivo -a horta de Eirís divídese en dous sectores, cada un coa súa propia caseta e equipamento-. Tamén se crearon dúas parcelas de uso comunitario nos dous lugares.
Seguindo o modelo xa implantado nas hortas dos parques de Adolfo Suárez e San Pedro de Visma, tamén en Eirís e Novo Mesoiro se habilitaron armarios individuais para o uso das persoas adxudicatarias, así como refuxios para insectos construídos con materiais reciclados da propia horta.
"O Goberno de Inés Rey aposta decididamente polos proxectos de desenvolvemento urbano sostible. Por iso lles queremos entregar canto antes as parcelas ás persoas adxudicatarias, para que poidan desenvolver os seus cultivos. Os preparativos xa están case a punto en todos os recintos. Porque alén de facelo coa maior rapidez posible, tamén queremos facelo ben, con garantías e desenvolvendo unha modernización xeral das instalacións", subliñou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.
Outras actuacións inclúen pequenas reparacións en elementos de rego, peches e a aplicación de tratamentos con verniz e a colocación de sinais para facilitar a identificación das parcelas coa súa nova numeración. Nas 326 hortas individuais, e nas dúas destinadas a asociacións, melloráronse as condicións do chan para facilitar os cultivos no futuro.
En canto ás ferramentas, o Concello inventariou as existencias de cada horta e repón continuamente os elementos dispoñibles acorde ao número de persoas usuarias de cada unha das instalacións. Ademais, mellora os sistemas de almacenamento dos aveños para facelos máis seguros.
Tamén se levaron a cabo labores intensivos de limpeza, retiráronse elementos abandonados por anteriores persoas usuarias, repasáronse espazos como armarios, casetas e aseos, e reordenáronse as instalacións para potenciar e racionalizar o uso dos espazos.

22 de abril de 2026

8 de marzo de 2026

6 de marzo de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible