20 de setembro de 2023
Un estudo municipal estima que os tempos de paso pola glorieta de Eduardo Diz incrementaranse sensiblemente a causa da chegada das liñas interurbanas de bus
O Goberno municipal solicita á Xunta a creación dun novo vial de acceso rodado entre a avenida do Ferrocarril e a avenida da Sardiñeira para aliviar o incremento do tráfico previsto
A nova estación intermodal, cuxas obras están xa en marcha, suporá unha notable mellora para a mobilidade, facilitando a interconexión entre distintos medios de transporte e acurtando, polo tanto, os tempos de viaxes para os usuarios dos servizos de bus interurbano e de longa distancia e de ferrocarril. Mais a mudanza da estación de autobuses desde a súa ubicación actual ao novo emprazamento suporá tamén cambios no tráfico na cidade, xa que os buses, a maior parte deles interurbanos, empregarán un acceso distinto ao actual.
O Goberno municipal elaborou un informe técnico para avaliar o impacto no tráfico da nova localización da estación de buses. Dito informe especifica que a maior parte dos vehículos de transporte colectivo (o 79% deles) accederá á estación a través da avenida de San Cristovo pasando pola glorieta de Eduardo Diz. Cando a intermodal entre en funcionamento estímase que os tempos de paso por dita glorieta, xa hoxe moi saturada en horas punta, aumentarán entre un 49 e un 72%, segundo os diferentes escenarios que se manexan.
O concelleiro responsable da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, expuxo hoxe os detalles do informe aos técnicos de Adif e da Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, administracións implicadas na construción da intermodal. O informe conclúe que a mellor solución para evitar colapsar o tráfico en Eduardo Diz pasa pola construción dun novo vial de acceso á estación que conecte a avenida do Ferrocarril coa da Sardiñeira, minorando o tráfico na rotonda da Grela.
Na actualidade, xa está previsto acometer un paso sobre a praia de vía que permita o acceso á intermodal desde a avenida do Ferrocarril, paso destinado só a peóns e bicicletas. A ampliación de dito paso para permitir tamén o tráfico rodado solucionaría o problema de tráfico previsto. "Demandaremos da Xunta a construción dun novo vial de acceso á estación que conecte a avenida do Ferrocarril coa da Sardiñeira, vial que non só permitiría retirar o 79% das rutas de bus da rotonda da Grela, senón que tamén dotaría á estación dun segundo acceso, facilitando así á entrada á nova estación", indicou Lage.
O tamén portavoz do Goberno municipal trasladoulle á Xunta a necesidade de tomar medidas agora para evitar un futuro problema: "A intermodal suporá un revulsivo para a mobilidade, mais o traslado da terminal de buses tamén xerará cambios no tráfico que debemos atallar para evitar colapsar a circulación en puntos xa moi saturados. É un asunto de interese supramunicipal, e estamos seguro que a Xunta de Galicia se implicará na solución. Tamén pediremos a colaboración de Adif e do Goberno de España ", explicou Lage, que recorda que a Estación Intermodal está cofinanciada polas tres administración e ve "imprescindible" tomar decicisións agora que se está construindo, "e non cando teñamos o problema, que será cando a estación intermodal estea a pleno rendemento".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible