18 de marzo de 2026
O Goberno investirá 1.287.146,64 € na construción dun parque infantil e unha zona de calistenia na praza de Portugal
A alcaldesa, Inés Rey, deu conta hoxe da aprobación en Xunta de Goberno Local da licitación para a prestación do servizo telefónico e telemático de información e asistencia á cidadanía do 010, que nos últimos anos se consolidou como unha das principais vías de comunicación entre o Concello e a poboación da cidade.
As liñas directas de información realizan unha ampla gama de tarefas de axuda tanto en directo como en diferido, e establecen unha canle rápida e segura para obter a información contrastada do Concello, os seus servizos e as súas institucións.
"O 010 recolle a maioría das chamadas que chegan á central do Concello, máis de 500.000 anuais, o que evidencia que hai un amplo equipo humano dedicado a axudar e brindando un servizo próximo e eficiente que a cidadanía valora moi positivamente. Ademais, emprenderase unha profunda modernización dos recursos e as ferramentas do servizo, que se adaptará o máis rápido posible aos novos tempos e ás realidades tecnolóxicas", subliñou Inés Rey.
O orzamento base do contrato ascende a 3.113.474,92 € (1.059.011,34 € anuais), cun prazo de duración de 3 anos e coa posibilidade de prórroga por outros 2 máis. A novidade desta renovación do servizo é que, por primeira vez, se reestruturaron os horarios de atención para que a liña estea aberta os sete días da semana. É dicir, tamén os sábados pola tarde e os domingos (exceptuando o 25 de decembro e o 1 e 6 de xaneiro) se poderán facer consultas. De luns a venres o horario de atención será das 8.00 ás 20.00 h, 12 horas de apertura ininterrompida. Os sábados será das 9.00 ás 20.00 horas e os domingos das 10.00 ás 20.00. Os días 24 e 31 de decembro o horario será das 9.00 ás 14.00 horas.
O elevado número de consultas que chegan ano a ano son a proba de que o 010 é un dos servizos máis requiridos e útiles para a cidadanía. Moitas destas consultas resólvense no momento, e as que necesitan xestións adicionais complétanse coa maior rapidez posible, priorizando a diminución dos tempos de espera das persoas usuarias.
Parque da praza de Portugal
O Goberno tamén lle deu luz verde á construción dunha nova área de xogo no parque da praza de Portugal para a infancia e mocidade de 0 a 12 anos. "O proxecto busca darlle resposta á demanda da zona dada a súa proximidade a centros educativos", apuntou Inés Rey.
Este novo espazo estará dotado de elementos de xogo como paneis ópticos e de rolo, e tamén de zonas pensadas para nenos e nenas con mobilidade reducida, e incorporará unha randeeira e un carrusel accesibles. A nova estrutura situarase na explanada existente no 2.º nivel da praza.
A actuación completarase coa substitución da zona de xogos actual por unha zona de calistenia, dotada dunha estrutura combinada que inclúe barras e bancos para dominadas e outros exercicios, o que converterá así esta localización tan transcorrida nunha das zonas lúdicas ao aire libre de referencia para a cidade. O total de superficie afectada será de 821 m2 para a zona de xogo e de 144,5 m2 para a área de calistenia. O investimento total será de 1.287.146,64 €, e o prazo de execución de 12 meses.
Contratación dos servizos deportivos
A Xunta de Goberno Local tamén autorizou o investimento de máis de 3.444.661,64 € para contratar o servizo de actividades deportivas municipais polos próximos dous anos e con posibilidade de prórroga doutros dous. Trátase dun servizo de gran relevancia para a cidadanía, que permite a máis de 4.000 persoas, na súa maioría de idades avanzadas, acceder á práctica deportiva de forma regular. Máis aló do exercicio físico, estas actividades fomentan a socialización, combaten a soidade non desexada e contribúen de maneira decisiva ao benestar e a calidade de vida das persoas participantes.
Así mesmo, este novo contrato incorpora melloras sociais para o colectivo de profesionais que prestan o servizo, recoñecendo a importancia do seu labor e avanzando nunhas condicións laborais máis xustas e estables.
"O compromiso deste Goberno con ofrecer servizos coma estes de forma accesible para todas as idades é total. Pero non só é esa a nosa preocupación. Tamén queremos asegurarnos de que as empresas concesionarias cumpren cos contratos pactados e coa lexislación laboral vixente", valorou a alcaldesa.
Campos de fútbol de San Pedro de Visma
Aprobouse ademais a renovación do céspede artificial dos campos de fútbol de San Pedro de Visma, cun contrato que inclúe un investimento de case medio millón de euros. O prazo de execución é de 6 meses.
Rey lembrou que "esta é a resposta do Concello a unha demanda veciñal clara que esixía unha mellora nas instalacións, que se atopaban en estado de deterioración debido aos anos de uso. Coma sempre, seguimos a escoitar a voz dos barrios e incorporando á nosa acción de goberno as necesidades cotiás dos coruñeses e das coruñesas".
Melloras no CEIP María Barbeito
O Goberno tamén continúa co seu plan de melloras nos centros educativos públicos da cidade coa aprobación do plan de renaturalización do patio do CEIP María Barbeito, cun investimento de preto de 150.000 € e un prazo de execución de tres meses.
"No que está na nosa man, entendemos como unha prioridade absoluta empregar os recursos do Concello en asegurar a dignidade das instalacións educativas municipais. Por iso seguimos a investir na rede de escolas públicas. Estamos a suplir a inacción da Xunta nesta materia, que require dunha dotación autonómica que, lonxe de aumentar, se reduciu este ano nun 50%", valorou Rey.
Idiomas do mundo
Tamén se aprobou o contrato para realizar o programa Idiomas do Mundo, que lles permitirá a 32 alumnos e alumnas de 1.º de bacharelato pasar 4 semanas en Irlanda, vivindo unha experiencia inmersiva que que lles permitirá coñecer de primeira man a cultura do país e aprender inglés a través da convivencia e do uso cotián.
O investimento total é de 298.050 € para os dos próximos cursos escolares e cunha posibilidade de prórroga doutros catro anos máis. Con este novo contrato mellórase o servizo e ofrécense tres prazas máis das inicialmente previstas e garántese ademais a proximidade do lugar de hospedaxe e do centro de estudos para as persoas participantes, que ao final da actividade recibirán ademais un certificado que acredita a aprendizaxe realizada.
Mantemento de pasarelas
O Concello tamén aprobou a contratación do servizo de conservación, mantemento e reparación das pasarelas e pontes con acceso peonil da cidade, cun desembolso total de 700.000 € por dous anos e con posibilidade de prórroga por outros tres.
Neste servizo incluiranse todas as accións necesarias para que estes accesos se manteñan transitables e presentables para os peóns e as peoas, e refórzase así a idea do Goberno dunha cidade limpa e moderna que se poida camiñar.
Contedores de carga traseira
E na senda de mellorar os datos da cidade en separación de residuos en orixe, o Concello confirmou a compra de 3.498 contedores de recollida de carga traseira para a recollida domiciliaria de biorresiduos a grandes produtores, cun investimento total de 266.088 €.
Será financiada totalmente cos fondos europeos Next Generation, no marco do acordo para obter novo material de reciclaxe co que A Coruña buscará cumprir os obxectivos comunitarios na materia.
Edificio de vivendas en San Pedro de Visma
Así mesmo, o Goberno concedeu unha licenza de construción para un novo edificio privado de 114 vivendas con garaxes, rochos e locais para uso terciario en San Pedro de Visma.
"Celebramos os proxectos que veñan a aumentar a oferta do parque de vivenda na cidade, que é unha das vías máis inmediatas e necesarias para atallar a crise insostible que se vive no sector e que sofre toda a cidadanía", perfilou Inés Rey.
Aprobouse tamén a licenza para instalar un novo centro de ocio na segunda planta do Centro Comercial Marineda City. O espazo centrarase principalmente nas máquinas recreativas e a celebración de eventos, e contará tamén cunha zona de cafetería.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible