17 de marzo de 2021
O prazo para presentar os traballos ao concurso convocado pola Concellaría de Benestar Social remata o vindeiro 5 de abril
O Concello da Coruña anima a mocidade a reflectir a súas inquedanzas no ámbito da Igualdade e a Diversidade participando na I edición do concurso "A mirada violeta de Dona Emilia", que a Concellaría de Igualdade, Benestar Social e Participación convocou no marco do programa "Mulleres sen límites, a por todas" organizado con motivo do 8M.
Nesta convocatoria, o Concello diríxese a persoas de entre 12 e 30 anos, co fin de que exploren a súa creatividade e plasmen a súa unha mensaxe de igualdade a e diversidade a través das artes gráficas e a escrita. O prazo para presentar as propostas finaliza o 5 de abril.
A intención desta iniciativa, segundo explican desde a concellaría, é traer ao presente esta "Muller sen límites" que loitou por traspasar as barreiras impostas na súa época, que a xente nova represente a súas inquietudes e a súa visión da igualdade e a diversidade no pasado e no presente.
Búscase destacar a figura da escritora como a representante da inquietude formativa, da curiosidade por adquirir novos coñecementos e de se achegar a outras culturas da contorna europea, da transgresión dos costumes, normas sociais e prexuízos con respecto ao rol das mulleres, nun século onde o seu papel estaba relegado ao ámbito doméstico e dos coidados.
O concurso desenvolverase en dúas modalidades:
Modalidade gráfica (ilustracións artísticas).
Modalidade literaria (texto de estilo libre).
Poderán participar as mozas e os mozos entre os 12 e os 30 anos (ambos incluídos). Só será posible presentar unha obra orixinal, inédita e non premiada con anterioridade.
Estableceranse distintas categorías:
-Categoría I, en que poderán participar mozas e mozos de entre os 12 e os 15 anos.
-Categoría II, en que poderán participar mozas e mozos de entre os 16 e os 17 anos.
-Categoría III, en que poderán participar mozas e mozos de entre os 18 e os 30 anos.
O veredicto do concurso publicarase o 23 de abril, Día Internacional do Libro.
Para máis información: https://cutt.ly/EzC7iAX
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible