15 de maio de 2017
O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, salienta a relevancia deste acordo, “que introduce a cidade nun circuíto estatal de máximo interese como é a Eusko Label Liga, a ‘Champions’ das traiñeiras, dentro da aposta do Goberno local por potenciar os deportes naúticos e a relación da cidade co mar”
O concelleiro de Emprego e Economía, Alberto Lema, presidente tamén do Consorcio de Turismo, vén de asinar un convenio de colaboración entre o ente e a Asociación de Clubes de Traneiras (ACT) para a celebración, desde este mesmo ano e durante tres tempadas, da regata Bandeira Cidade da Coruña, como parte do calendario de regatas puntuables da liga de traiñeiras da ACT, a Eusko Label Liga. A proba, que terá lugar o sábado 15 de xullo, ás 18.00 horas, en Riazor, estará organizada pola ACT e contará co patrocinio do Consorcio de Turismo, que inviste este ano un total de 42.350 euros (IVE incluído), e do Concello da Coruña, e estará suxeita á normativa de competición da ACT.
Trátase, como salienta o responsable municipal, dun acordo "moi relevante para a cidade, tendo en conta que se trata dun dos campionatos con máis prestixio do Estado, a 'Champions' das traiñeiras, e que engloba clubs de todo o norte da península". "Con el, A Coruña introdúcese nun circuíto estatal do máximo interese, nesa aposta do Goberno local de seguir potenciando a relación da cidade co mar desde os distintos ámbitos, e a través, neste caso, do apoio aos deportes náuticos", indica Lema, lembrando o "arraigo e a tradición" desta modalidade deportiva na cidade, que conta desde 1986 coa regata Teresa Herrera, que este verán celebrará a súa XXXII edición. Do mesmo xeito, o concelleiro valora o "tirón turístico" dunha cita como a desta competición náutica, que atrae a centos de afeccionados e afeccionadas, ademais dos propios equipos, "unha oportunidade e unha nova vía de potenciar o turismo a través do deporte e do ocio".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible