Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

22 de maio de 2025

Reforzo da limpeza, casetas ambientais e apoio á inclusión durante a tempada de baño

O Concello atenderá a tempada de praias 2025 con 35 socorristas, limpeza reforzada e accións ambientais

Seguridade e accesibilidade nos areais: novo contrato de socorrismo, praias con bandeira azul e restrición ao acceso de cans

O Concello vén de activar o dispositivo especial para a tempada de praias 2025, que se desenvolverá entre o 15 de xuño e o 15 de setembro. O servizo de socorrismo foi adxudicado á empresa Top Rescue SL, cun orzamento de 619.209,94 euros, mediante procedemento aberto e con criterios técnicos e económicos.

O equipo estará formado por 35 persoas, entre socorristas, patróns e persoal sanitario (TES e DUES), que prestarán servizo nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro, Oza, O Parrote e tamén na Punta de Santa Cristina, que forma parte da competencia municipal. A distribución do persoal será a seguinte: 20 socorristas e unha persoa coordinadora en Riazor, Orzán e Matadoiro; 3 en San Amaro, 3 en As Lapas, 6 en Oza/Santa Cristina e 2 no Parrote.

O dispositivo inclúe dúas motos acuáticas (en Riazor e Oza), cinco táboas de rescate, unha ambulancia tipo B (soporte vital básico) equipada con radio, teléfono e rexistro de asistencias e traslados, ademais do material sanitario necesario para atencións básicas. Cada socorrista contará cunha emisora individual, ao igual que cada embarcación, e os postos de socorro dispoñerán de sistemas de comunicación centralizados para coordinación e intervención rápida.

Como novidade, este ano retómase o uso da aplicación móbil municipal que facilita á cidadanía información en tempo real sobre o estado das praias, as bandeiras, incidencias e recomendacións de seguridade.

Ademais, a partir do 1 de xullo, a empresa adxudicataria organizará actividades lúdicas e formativas dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, orientadas á educación en valores e ao coñecemento do mundo do salvamento. Desenvolveranse directamente nos areais e promoverán o respecto, a cooperación, a autonomía e o coidado do medio nun entorno saudable, ao aire libre e controlado.

O Concello está a instalar cinco casetas de socorrismo nas praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, As Lapas e Santo Amaro, que constitúen a base operativa do dispositivo de salvamento durante a tempada de baño. A caseta da praia de Oza compartirase coas actividades organizadas pola Fundación María José Jove, orientadas a persoas con diversidade funcional, favorecendo así un espazo inclusivo e accesible.

A concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, subliñou que "este dispositivo reforza a coordinación cos servizos de emerxencia e garante unha resposta rápida e eficaz ante calquera incidencia". Destacou tamén que o modelo deseñado permite consolidar praias seguras e accesibles, cun enfoque preventivo e de atención continua.

"A tempada de praias é unha das etapas máis importantes do ano para a cidade e queremos que a cidadanía e quen nos visita gocen dos nosos areais con total seguridade, calidade e respecto ao medio ambiente", salientou a alcaldesa, Inés Rey, quen puxo en valor "o esforzo do Concello por ofrecer un servizo público integral e de calidade, pensado para o benestar colectivo".

Cinco praias con bandeira azul

A Coruña manterá tamén en 2025 as cinco bandeiras azuis outorgadas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), recoñecendo a calidade ambiental, os servizos e a seguridade dos seus areais.

As praias distinguidas son Riazor, Orzán-Matadoiro, Santo Amaro, As Lapas e Oza, que volverán contar con este selo internacional grazas ao cumprimento dos estándares máis esixentes en termos de calidade da auga, accesibilidade, xestión ambiental e atención ás persoas usuarias.

Limpeza, coidado ambiental e inclusión

A tempada de baño coincide coa prestación do servizo de socorrismo, pero desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, está prohibido o acceso de cans aos areais, segundo a normativa municipal vixente, co obxectivo de garantir condicións hixiénicas e seguras durante os meses de maior uso.

Como parte do operativo estival, o Concello iniciou os traballos de acondicionamento e limpeza das praias, que inclúen a retirada de residuos, cribado da area, revisión de duchas e posta a punto dos aseos públicos. A partir do 15 de xuño, pasarase a máquina limpiapraias todas as noites e reforzarase cunha limpeza manual diaria, ademais do baleirado de todas as papeleiras instaladas, ás que se sumarán 60 unidades adicionais de 120 litros, con especial atención aos accesos. No Paseo Marítimo, manterase un repaso manual diario co baleirado das papeleiras.

No caso da cala de Bens, polas súas características naturais, non é posible empregar maquinaria pesada, polo que se realiza unha limpeza manual en profundidade, incluíndo a retirada de herbas, para garantir a súa adecuación ao uso recreativo estival.

Caseta de Educación Ambiental en Riazor

A praia de Riazor contará cunha caseta de Educación Ambiental, impulsada pola área de Medio Ambiente, que ofrecerá actividades divulgativas e materiais de sensibilización sobre o coidado do litoral. En colaboración coa rede de Bibliotecas Municipais, está previsto que se faciliten tamén materiais de lectura medioambiental para todos os públicos.

Yoya Neira, concelleira de Medio Ambiente, destacou que "estas actuacións son fundamentais para garantir o equilibrio entre o uso público das praias e a preservación do ecosistema litoral". Subliñou que "a implicación da cidadanía é clave para facer compatible o lecer coa protección do medio, e para iso poñemos tamén ao seu dispor espazos como esta caseta ambiental".

Con este dispositivo de seguridade, limpeza, educación ambiental e inclusión, A Coruña consolídase como referente na xestión dos espazos litorais urbanos. A planificación anticipada e a coordinación interdepartamental responden ao compromiso do Goberno de Inés Rey coa mellora continua dos servizos públicos, a protección ambiental e a promoción dunha convivencia segura e respectuosa nos areais da cidade.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión