Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de decembro de 2025

O Concello avanza co plan de melloras previsto no Castrillón, co que se reordena o tráfico e se gaña estacionamento entre Monte das Moas e a Pasaxe

En paralelo ao inicio das obras de urbanización da praza José María Hernansáez, hoxe tamén se iniciaron as tarefas de reconfiguración do ramal de acceso á avenida da Pasaxe

Novo pulo ao plan de melloras previstas polo Concello no barrio do Castrillón, onde hoxe se iniciaron os traballos de reordenación do tráfico entre a rúa Monte das Moas e a Pasaxe, no ramal de acceso á avenida.

Esta intervención forma parte das actuacións coas que o Executivo local busca responder as demandas veciñais nesta parte do distrito. No caso da rúa Monte das Moas, os servizos municipais avaliaron previamente os fluxos de mobilidade coa avenida da Pasaxe, co obxectivo de valorar posibles melloras en materia de tráfico e estacionamento.

Neste sentido, e dado que o ramal de acceso á Pasaxe se usa, moi principalmente, en sentido de baixada á avenida, o Concello optou por reconfigurar este treito da rúa -ata agora en dobre sentido- para deixala en sentido único, en dirección á avenida da Pasaxe.

Grazas a esta medida tamén se poderá ampliar a bolsa de estacionamento público dispoñible no barrio, xa que se aproveitará a marxe dereita do ramal para delimitar unhas 25 novas prazas en liña, aproximadamente. Os traballos de pintado e sinalización comezaron hoxe e continuarán nos vindeiros días, sempre e cando as condicións meteorolóxicas sexan propicias.

"Gañar espazos de estacionamento de vehículos no Castrillón é unha medida necesaria atendendo á configuración urbanística do distrito e ás intervencións de mellora que xa estamos a executar en puntos como a praza José María Hernansáez e no soar que hai entre a rúa Cerca e Antonio Río; medida grazas á que se gañarán máis espazos públicos e novas áreas de lecer entre as áreas residenciais, necesarias para osixenar o interior do barrio", explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

A urbanización da praza José María Hernansáez, xa en marcha

A reconfiguración do ramal de acceso da rúa Monte das Moas á Pasaxe ponse en marcha en paralelo ao inicio das obras para urbanizar a praza José María Hernansáez, onde o Concello da Coruña investirá un millón de euros para transformar este espazo, ata agora degradado e sen acondicionar, nunha praza con percorridos peonís accesibles, áreas verdes e zonas de lecer.

O proxecto definitivo, que se consensuou no primeiro semestre de ano tras varios encontros mantidos entre o equipo de Goberno da alcaldesa, Inés Rey -que participou persoalmente nas reunións-, e a veciñanza do barrio, é o que ahora verá a luz.

Nos vindeiros días xa será visible tanto o valado perimetral que acouta a zona de actuacións como tamén a maquinaria sobre o terreo, coa previsión de executar rozas e escavacións sobre a superficie que se vai urbanizar.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión