25 de agosto de 2026
O proxecto, que aportará ao barrio un servizo público de primeiro nivel con amplos espazos multifuncionais, supón un investimento municipal de case 1.300.000 €
O Concello comezou os traballos de demolición do antigo mercado de Palavea, soar no que se construirá a nova biblioteca municipal -obras recentemente adxudicadas nas que están a investirse case 1.300.000 €-. A demolición e a retirada da antiga estrutura supón a primeira fase do plan para dotar ao barrio dun novo servizo cultural e social, dando resposta así ás demandas veciñais e levando investimentos a todos os barrios. A actuación enmárcase dentro da estratexia de rexeneración urbana e mellora dos espazos dotacionais impulsada polo Goberno de Inés Rey.
"Temos en marcha un proxecto moi ilusionante en Palavea. A veciñanza vai poder desfrutar dunha instalación moderna, cómoda e con todas as prestacións necesarias para poder acceder á cultura e a actividades lúdicas e divulgativas. Proxectos coma este son os que crean identidade e sentido de comunidade nos barrios, e tamén contribúen a fomentar a igualdade de oportunidade", subliñou a alcaldesa, Inés Rey, quen recordou que o investimento, enmarcado no Plan de Barrios, é o primeiro desas características que se leva a cabo en Palvaea.
O novo edificio será un equipamento público de dúas plantas, de carácter aberto e flexible con todas as prestacións necesarias para a súa funcionalidade, incluíndo sala de usos múltiples, dúas salas de biblioteca, almacén e cuarto de residuos, un local social, un local para realizar actividades e obradoiros e dous espazos de aseos.
A biblioteca concíbese non só como un espazo de lectura e consulta, senón como un centro cultural aberto, capaz de acoller actividades complementarias como talleres, presentacións ou encontros veciñais. A aula informática responde á crecente demanda de acceso a recursos dixitais e formación en competencias tecnolóxicas, e constitúese como un espazo clave para a inclusión dixital e a aprendizaxe interxeracional.
Tal e como apuntou na última Xunta de Goberno Local o voceiro municipal, José Manuel Lage, "con esta actuación respóndese á necesidade de dotar o barrio dun equipamento público contemporáneo, flexible e de uso comunitario, capaz de revitalizar o ámbito urbano". Ademais, a organización do edificio baséase nun criterio de máxima flexibilidade funcional, e prioriza a integración de todos os elementos. Esta disposición permite que os distintos espazos funcionen de xeito independente ou en conxunto segundo as necesidades, e facilita a súa adaptación a diferentes actividades, horarios e perfís de persoas usuarias.
Área infantil na praza do Padre Busto
Tamén no barrio de Palavea, o Concello ten en marcha o proxecto para construír unha nova área infantil na praza Padre Busto. As obras foron recentemente sacadas a licitación cun orzamento de ata 150.000 euros.
Esta intervención buscará a creación dunha contorna de lecer e xogo que permita o desenvolvemento das habilidades motrices, sensoriais, sociais, emocionais e creativas dos nenos e das nenas, que garanta ao mesmo tempo a integración paisaxística do conxunto do complexo e poña en valor os elementos naturais e as zonas de sombra para permitir o xogo na temporada estival.
Nas incorporacións aos elementos de xogo inclúense randeeiras, bambáns, unha caseta de xogo, dous tobogáns e un xogo de rotación tipo carrusel, entre outros, tendo en conta os criterios de accesibilidade que deben cumprir sempre as instalacións municipais.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible