27 de febreiro de 2026
Actualmente, o Concello ten investimentos en marcha no barrio dos Mallos por valor de 3,2 millóns de euros
A partir do luns 9, e durante tres semanas, será preciso cortar ao tráfico a rúa Vizcaya, entre Falperra e Sofía Casanova, para facilitar o desenvolvemento dos traballos
O Concello avanza coa súa folla de ruta na avenida dos Mallos, unha das principais intervencións que se están a executar no distrito e que avanzan actualmente con traballos de pavimentación en beirarrúas e calzada, canalizacións municipais e a infraestruturas para a recollida de augas pluviais.
Esta fase chega despois de que se completasen as actuacións de maior complexidade: as da renovación dos diversos treitos de saneamento existentes ao longo da rúa.
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, informou hoxe de que na vindeira semana se continuará cos traballos entre as rúas Río Barbanza e Río Ézaro. E, en paralelo, tamén se dará un pulo á pavimentación no sector próximo á rúa Vizcaya.
Neste sentido, a partir do luns 9 de marzo, e durante un prazo aproximado de tres semanas, será preciso cortar ao tráfico a rúa Vizcaya no treito comprendido entre as rúas Falperra e Sofía Casanova. Manterase, iso si, o acceso de vehículos a vados e residentes. Atendendo aos informes municipais, este corte é imprescindible para executar o cruzamento sobreelevado coa avenida dos Mallos, incluíndo tamén a execución das lousas de calzada e o seu posterior período de curado.
Unha vez se complete este cruzamento, traballarase xa nas beirarrúas e posteriormente na calzada, no treito entre as rúas Río Ézaro e Vizcaya. Estas actuacións non se limitarán á execución de pavimentos, senón que inclúen novas canalizacións municipais de alumeado e semáforos, a disposición de sumidoiros, conexións de baixantes de pluviais dos edificios, intervencións puntuais na rede de abastecemento e posta a cota dos rexistros.
Noemí Díaz incidiu en que, ao tratarse de traballos que afectan a distintas infraestruturas baixo rasante "e que esixen unha execución moi coordinada".
A colocación de mobiliario urbano, sinalización e plantación de arboredo forman parte da fase final da actuación, e incorporaranse de forma progresiva a medida que os diversos treitos queden rematados.
A previsión do Concello é a finalización da obra teña lugar a finais de abril, atendendo á programación actual de traballos e ao desenvolvemento previo da actuación.
3,2 millóns de euros en investimentos en marcha no barrio dos Mallos
As melloras que está a executar o Concello na avenida dos Mallos suporán, no seu conxunto, un investimento dun millón de euros.
A concelleira Noemí Díaz lembrou que, ademais desta intervención, o Goberno de Inés Rey tamén está a actuar noutros puntos do barrio para mellorar a mobilidade e as infraestruturas. É o caso da Agra dos Mallos, onde se está a construír o novo vial entre a avenida da Sardiñeira e de Arteixo, cun investimento de 2,2 millóns.
Isto supón que, actualmente, o Concello ten investimentos en marcha nos Mallos por valor de 3,2 millóns de euros.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible