Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

24 de febreiro de 2025

A redacción dos pregos do novo contrato de recollida de lixo sairá a licitación este ano

O Concello avanza na licitación de Nostián ao chegar a un acordo co Consorcio das Mariñas, que seguirá a ser cliente preferente

O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Concello asumirá en solitario a xestión da planta, despois de que o Consorcio das Mariñas comunicase á Coruña que opta por esta vía

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, adiantou hoxe que a licitación da nova concesión para o tratamento de residuos en Nostián farase efectiva no segundo semestre deste ano.

Así o expuxo esta mañá o voceiro do Goberno municipal tras informar de que o Consorcio das Mariñas comunicou ao Concello que os municipios que o integran optan porque sexa o Concello da Coruña en solitario o que asuma a xestión de Nostián, un feito relevante para proceder á licitación da planta. "Desta forma xa podemos remitir á Oficina Nacional de Evaluación (ONE) os pregos do contrato e, en canto o organismo de supervisión os remita de volta, este Concello, de xeito inmediato, procederá á licitación do servizo", concretou Lage. Os pregos xa foron remitidos ao organismo de supervisión.

O concelleiro e veceiro municipal detallou polo miúdo esta información na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá en María Pita, tras unha Xunta de Goberno Local extraordinaria na que se deu conta hoxe da renovación do convenio entre Albada-Urbaser e o Consorcio, que establece que ata o ano 2027 a tarifa que pagará o Consorcio por empregar a planta de Nostián será un euro inferior por tonelada á que estableza Sogama. O Consorcio, desta forma, mantén o seu compromiso co uso da planta coruñesa como medio para tratar os seus residuos. 

O Concello recibirá máis de 8 millóns de Urbaser en compensacións por sobrecustos

Na XGL tamén se deu luz verde a un acordo con Urbaser para dar por finalizado o litixio mantido coa concesionaria de Nostián a consecuencia da anulación xudicial dos acordos do 2011.

Lage lembrou que, en novembro de 2023, o Concello iniciou o procedemento administrativo para reclamarlle a Albada, concesionaria da planta de residuos de Nostián, a cantidade correspondente ao sobrecusto de xestión dos residuos entre os anos 2011 e 2018. Esta contía foi asumida polo Concello, mais tal e como sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza, o custo de tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria. 

A este respecto, o Concello chegou a un acordo transaccional con Urbaser, coa que se negociou para poñer fin á vía xudicial e que reintegre 8,3 millóns ao Concello, recoñecendo así seu dereito a compensación.

"Este acordo extraxudicial, que será remitido ao xulgado para a súa homologación, é moi relevante porque evita máis demoras nunha cuestión enquistada desde hai case quince anos e na que, ademais, a xustiza recoñeceu os intereses municipais, o que nos permitirá recuperar máis de 8 millóns para as arcas do Concello, cartos que poderemos destinar a sufragar outros servizos e melloras necesarias na cidade. Deste xeito, evitamos tamén a posibilidade de perder ditos ingresos se prosegue o procedemento xudicial e conclúe cun faio en contra dos intereses do Concello", razoou Lage.

Licitación, en 2025, dos novos pregos do contrato da recollida do lixo

O voceiro do Goberno municipal tamén informou este luns que o Concello deberá sacar a licitación a redacción dos pregos para o novo contrato da recollida do lixo, despois de que a Xunta de Goberno Local aprobase hoxe declarar deserto o anterior concurso.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentenciou en xuño de 2023 que o contrato adxudicado a Prezero -en base á licitación posta en marcha no mandato 2015-2019- non cumpría as condicións do concurso. Quedaba por determinar si sería posible que a seguinte empresa que se presentou ao concurso asumira o servizo ou se era preciso licitar de novo.

Lage precisou que os informes técnicos do Concello -seguindo o criterio xudicial- indican que a outra empresa que concorreu tampouco cumpría as condicións esixidas. Por este motivo, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe que o contrato quede deserto "e, polo tanto, poñemos en marcha a nova licitación, adecuando os pregos de tal forma que o servizo sexa o máis eficiente posible". A redacción dos novos pregos licitarase este mesmo ano.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión