2 de setembro de 2024
Co obxectivo de humanizar e mellorar a accesibilidade nesta rúa do Ensanche, potenciando o seu carácter comercial, o Goberno de Inés Rey está a apostar por gañar espazos peonís, ampliando as beirarrúas
Este luns, o Concello reabriu ao tráfico rodado o treito da rúa Betanzos entre Francisco Mariño e a praza de Lugo, avanzando así nas obras de mellora que se están a executar na zona para mellorar a accesibilidade desde Juan Flórez.
A actuación na rúa Betanzos é unha das intervencións urbanísticas máis destacadas das que está a impulsar o Goberno de Inés Rey no barrio do Ensanche, cun investimento de máis de 300.000 euros. No treito onde xa se completaron as obras renováronse integralmente as beirarrúas, que se ampliaron co obxectivo de gañar espazos destinados ao tránsito peonil nunha rúa que conecta cun dos principais enclaves comerciais da cidade, o mercado municipal Eusebio da Guarda, situado na praza de Lugo.
Neste sentido, os traballos estanse a levar a cabo baixo a premisa de homoxeneizar a estética da rúa Betanzos en sintonía coa paisaxe urbana próxima, como a propia praza de Lugo ou a rúa Compostela. Isto supón, na práctica, que o novo pavimento das beirarrúas é de lousas de granito gris, idéntico ao xa disposto nestas dúas localizacións e máis resistente fronte á erosión derivada das condicións meteorolóxicas e o paso do tempo.
Ademais, aproveitando a ampliación dos espazos peonís, o Concello está a plantar máis árbores. Tamén se está a habilitar máis mobiliario urbano para o lecer da cidadanía.
O treito entre Juan Flórez e Rosalía de Castro segue pechado
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou hoxe que os traballos na rúa Betanzos continúan no sector que vai desde Juan Flórez a Rosalía de Castro, que seguirá pechado ao tráfico rodado ata que se complete a intervención.
Neste treito xa se levaron a cabo previamente traballos de substitución dos antigos colectores da rede de saneamento.
Un único carril de circulación
A nova configuración da calzada da rúa Betanzos xa é visible, cun único carril de circulación, dunha anchura de 3,50 metros, para o paso de vehículos. Anteriormente tiña dous carrís de circulación no mesmo sentido, en baixada cara a praza de Lugo. Porén, co obxectivo de mellorar a accesibilidade desta rúa, onde hai unha notable afluencia peonil polo impacto comercial da praza e o mercado municipal Eusebio da Guarda, o Goberno de Inés Rey está a apostar por ampliar as beirarrúas, gañando un metro de ancho en cada marxe.
28 de setembro de 2024
27 de setembro de 2024
6 de setembro de 2024
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible