Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

5 de marzo de 2026

O Concello avanza no procedemento para a recuperación para o patrimonio público a Casa Cornide

O Pleno aprobou tamén o estudo de detalle para construír a nova biblioteca de Palavea

O Concello seguirá adiante co procedemento iniciado para recuperar a Casa Cornide, despois de que a familia Franco interpuxese un recurso no que solicitaba a desistencia do proceso de expropiación e a nulidade do expediente. O Pleno aprobou hoxe declarar a non caducidade do procedemento de revisión de oficio dos acordos de 1962 que permitiron que a Casa Cornide acabase en mans da familia do ditador. 

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, defendeu a postura do Concello e o interese xeral do procedemento. A declaración de interese xeral, apoiada con informes xurídicos, apuntala a decisión do Goberno municipal de seguir adiante co proceso. 

Estudo de detalle da biblioteca de Palavea

O Consistorio tamén lle deu luz verde ao estudo de detalle para a nova biblioteca de Palavea, que ocupará a parcela do antigo mercado, que será demolido seguindo o plan que xa se aprobou na Xunta de Goberno Local extraordinaria do pasado 19 de febreiro.

O novo edificio albergará unha biblioteca pública dotada de novos servizos e material. O investimento da primeira fase de demolicións ascende a 51.854,34 €, e o orzamento total do proxecto supera o millón de euros. A iniciativa responde a unha demanda histórica dun barrio que non tiña unhas instalacións públicas destas características, e busca mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da dotación de lugares para o entretemento e a actividade cultural. 

"Palavea contará coa infraestrutura cultural que precisa, un exemplo da forma de intervir nos barrios da nosa alcaldesa, Inés Rey, co que se demostra que é posible levar servizos a todos os veciños e veciñas independentemente de onde vivan, algo que había moitos anos que non acontecía nesta cidade", sinalou o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage. 

Modificación puntual do PXOM

O Pleno tamén aprobou a proposta de modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para incluír novos elementos ao catálogo de protección. A medida foi pensada para blindar puntos de significación etnolóxica, arquitectónica, cultural ou urbanística que ata agora non estaban dentro do paraugas do PXOM, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz. 

En total, estenderase a protección a 3 elementos etnolóxicos e 74 arquitectónicos, así como o tramo coruñés do Camiño de Santiago Inglés. Os tres elementos etnolóxicos que se incorporan son as fontes do Corgo, Monelos e As Xubias de Abaixo, todas de propiedade municipal, que recibirán o nivel de protección integral.

Os 74 elementos arquitectónicos que se incorporan son elementos ou construcións individuais, ou ben un conxunto destes, clasificados no informe en función da súa singularidade, proximidade ou nivel de protección outorgado. Dentro destes elementos inclúense as antigas estruturas portuarias da praza da Palloza e peiraos das Xubias de Abaixo. O resto correspóndense con edificios en distintos puntos da cidade. Destes elementos, 68 teñen protección ambiental e seis teñen protección estrutural.

Convenio para a convocatoria das prazas para Policía Local

O Concello tamén resolveu a renovación do convenio de transferencia das competencias de convocatoria de prazas do corpo de Policía Local, que seguirán a ser asumidas pola Academia Galega de Seguridade Pública, explicou a concelleira de Seguridade Cidadá e Interior, Montse Paz. 

A concertación deste convenio simplificará o proceso de selección das prazas de policía, que será máis áxil. Desta maneira, mellórase a eficiencia no desenvolvemento do proceso ao ser a propia organizadora do curso selectivo de ingreso a que determine a convocatoria do proceso selectivo correspondente, a data da convocatoria, o seu desenvolvemento e o comezo do posterior curso selectivo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión