Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de novembro de 2016

O Concello avanza nos traballos para a reparación da canalización de Catro Camiños, que teñen unha duración prevista de dúas semanas

O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, reivindica as políticas de mantemento que desenvolve o Concello, "para manter en bo estado a cidade, tanto o que se ve como o que non se ve"

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, achegouse a primeira hora desta mañá a Catro Camiños para comprobar o avance dos traballos para a reparación dos desperfectos detectados no día de onte na canalización do Rego dos Xudeus durante unha inspección de rutina dos servizos técnicos municipais, e que, segundo as previsións, estarán rematados en dúas semanas. As obras, que obrigaron a colocar desde onte un valado na zona afectada pola rotura do colector -no cruzamento das rúas Fernández Latorre e Doutor Enrique Hervada, na contorna da Fonte de Catro Camiños- xa están proxectadas, e consistirán na reposición da parte da tubaxe  e a recolocación da peza afectada, ademais dunha limpeza e saneamento da zona que se viu afectada pola rotura, o que provocou un boquete baixo a superficie da calzada polo efecto de lavado dos áridos do subsolo.  

A reparación, indicou o responsable municipal, quedará cuberta polo contrato municipal do servizo de mantemento de saneamento, polo que non terá un custo adicional para as arcas públicas. Nese sentido, Varela salientou este venres a importancia do traballo de inspección e mantemento que se está a desenvolver, "que evitou, neste caso, que se puidese producir unha incidencia, de non terse detectado a tempo os desperfectos baixo a calzada",  e reafirmou a aposta do equipo de Goberno por seguir reforzando a conservación das infraestruturas urbanas, tal e como queda reflectido no proxecto de Orzamentos municipais do Goberno local para o vindeiro ano. "Avogamos polo coidado da cidade, tanto do que se ve como do que non se ve. Este Goberno local aposta por coidar a cidade e o espazo público e por poñer ao día as súas instalacións, para que o seu uso poida facerse nas mellores condicións por parte de toda a veciñanza", salientou o concelleiro.

A intervención que se está a desenvolver supón o corte ao tráfico de parte dos carrís de Fernández Latorre en sentido Catro Camiños, así como o do interior da glorieta. Das tres vías, manterase a circulación na situada á dereita e de xiro obrigatorio cara a Doutor Enrique Hervada, mentres que os dous restantes carrís quedan operativamente reducidos a un na entrada á fonte. Tamén haberá restricións no principio de Enrique Hervada, onde se limitará a circulación nos carrís esquerdo e central, sen afectar o paso dos vehículos polo dereito. O Goberno local aconsella evitar, na medida do posible, o nudo situado entre Catro Camiños, Concepción Arenal e avenida Fernández Latorre, e recomenda circular por vías alternativas como a avenida do Exército, Ramón y Cajal, Alcalde Perez Ardá, Marqués de Amboage e Caballeros.

 

 

 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión