Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de outubro de 2025

O Concello avanza nos trámites para actualizar o catálogo de elementos patrimoniais protexidos na cidade da Coruña

A actualización do catálogo contempla 28 novas fichas que engloban elementos arquitectónicos, outros tres enclaves etnográficos e un asentamento tradicional, o de Eirís

O Pleno municipal aprobou esta mañá, de forma provisional, a modificación puntual do Plan Xeral para incluír novos elementos ao catálogo de protección, unha medida que permitirá ao Goberno de Inés Rey reforzar as súas actuacións de protección en materia de patrimonio.

O concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego, precisou máis polo miúdo a proposta que se elevou hoxe ao Pleno, que contempla a actualización do catálogo con 28 novas fichas que engloban elementos arquitectónicos de alto valor para a cidade, así como outros tres enclaves etnográficos e un asentamento tradicional, o de Eirís.

A proposta de actualización, que xa aprobada na sesión plenaria será remitida á Dirección Xeral de Patrimonio, á Dirección de Costa y del Mar e ao Ministerio de Transición Ecológica y Reto Demográfico, incorpora o trazado do Camiño Inglés e tamén elementos singulares como as fontes do Corgo, Monelos e as Xubias de Abaixo.

Cos votos a favor dos grupos municipais do PSdeG - PSOE e o BNG, e a abstención do PP, esta iniciativa recibiu luz verde, o que permitirá ao Concello avanzar nos trámites para reconfigurar o catálogo de elementos protexidos no conxunto da cidade, co impacto positivo que iso tería para cada un dos barrios.

"É importante protexer á nosa cidade e aos seus edificios e elementos con valor cultural. Continuaremos con este traballo de catalogación, atendendo a posibles elementos que fiquen pendentes", indicou o concelleiro, que avogou por analizar de forma individualizada cada caso, "co obxectivo de facelo co maior rigor histórico e técnico, porque a cidade o merece". Este traballo de continuidade contempla, por exemplo, examinar e avaliar os diversos hórreos existentes na Coruña, así como percorridos e elementos patrimoniais que tamén forman parte da historia e evolución da urbe, como a Viaxe de Visma, que toca de preto tanto ao polígono urbanístico de Visma como á Agra do Orzán.

O Goberno municipal e o BNG coinciden en non incrementar as cargas fiscais de cara ao 2026

Tamén esta mañá, o Pleno aprobou definitivamente a nova Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida, xestión e tratamento do lixo, unha medida necesaria co obxectivo de axustar o marco regulador municipal á normativa estatal.

José Manuel Lage lembrou que esta iniciativa é fundamental para adecuarse ás directrices medioambientais establecidas pola Unión Europea, e que no caso da Coruña aplicarase unha actualización progresiva ata o ano 2029, non de forma inmediata, "para que o impacto sexa menor para a cidadanía".

Como xa se informou meses atrás, a través desta ordenanza porase en marcha un novo modelo de tarifa que consistirá nnunha cantidade fixa e nunha cantidade variable en función do consumo de auga e dos roteiros de recollida conforme ao contrato do lixo. "As variables inclúense para que as familias con menos membros e, polo tanto, con menor produción de residuos, paguen menos", explicou. Sendo como é unha obriga legal atendendo ás directrices da UE, A Coruña contará no 2026 cunha tarifa fixa de 60,98 euros, á que se sumaría a cantidade variable. 

Neste sentido, e no contexto do debate plenario desta cuestión, José Manuel Lage avanzou que o obxectivo do Goberno municipal de cara ao 2026 é acadar acordos "dirixidos a non incrementar as cargas fiscais, senón a que haxa un reparto xusto da fiscalidade", unha filosofía en materia fiscal na que coinciden os grupos municipais do PSdeG - PSOE e BNG.

A Coruña reafirma o seu compromiso co Ano das Cooperativas

Esta mañá, o Pleno ordinario abriuse coa lectura dunha declaración institucional mediante a cal A Coruña oficializa a súa adhesión á celebración do Ano Internacional das Cooperativas, "reafirmando o seu compromiso coa promoción de modelos económicos sostibles, xustos e innovadores, amosando como as cooperativas contribúen á construción dunha cidade mais solidaria, sustentable e equitativa", tal e como indicou a alcaldesa, Inés Rey.

"As cooperativas forman parte esencial da economía social, sendo unha das ferramentas máis sólidas para demostrar que o progreso económico pode ir da man do respecto ambiental e da equidade social. Non falamos só dunha maneira de organizar empresas, senón dunha visión compartida que aposta pola participación democrática, pola inclusión e polo compromiso cos retos do noso tempo", agregou.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión