Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de maio de 2023

Sés, Radio Océano, Moura, Abraham Cupeiro, Brais Morais & Nasaunfunk e Xurxo Fernandes protagonizarán concertos, todos de balde

O Concello celebra a Semana das Letras Galegas cunha chea de actividades lúdicas e culturais

Música, poesía, danza, teatro, contacontos, artesanía, cinema, banda deseñada, ciencia e literatura conforman unha programación aberta a todos os públicos

O Concello da Coruña desenvolverá desde este venres a Semana das Letras Galegas cunha chea de actividades culturais e lúdicas nas que se mesturará música, danza, poesía, teatro, artesanía, ciencia, literatura e outras moitas disciplinas artísticas e literarias que permitirán amosar os traballos, espectáculos e produtos dos creadores e creadoras coruñesas, coincidindo coa celebración o 17 de maio do Días das Letras Galegas.

O Concello celebrará do 12 ao 19 unha semana das letras e as artes para amosar a creatividade e a produción cultural contemporánea dos creadores e creadoras locais, artellando un programa de actividades aberto a todos os públicos e que permita resaltar o carácter culturalmente vivo, innovador, participativo e divertido da Coruña.

A programación permitirá, desta maneira, ademais de celebrar con múltiples actividades o Día das Letras Galegas, darlle un novo pulo ao talento e á oferta artística, creativa e cultural que se produce na cidade. Para iso haberá un programa variado e completo que mestura música, poesía, danza, teatro, contacontos, artesanía, cinema, banda deseñada, ciencia e literatura, que se complementarán con iniciativas como mercados de artesanía, ademais doutras moitas vencelladas ao mundo dos libros, cómics e discos, complementadas con charlas e presentacións, obradoiros e rutas urbanas.

Entre as actividades previstas destacan a programación de diferentes concertos musicais, abertos ao público. Xurxo Fernandes e Radio Oceáno o sábado 13, Brais Morán & Nasaufunk e Moura o domingo 14, Sés, o martes 16 e Abraham Cupeiro, o venres 19, serán os protagonistas das actuacións, que se complementarán con diversos espectáculos de música tradicional.

Tamén haberá charlas e entrevistas abertas a personalidades como Emma Lustres, Jorge Coira, a propia Sés, Yolanda Castaño e María Yañez, que serán algunhas das protagonistas dos faladoiros que se desenvolverán ao longo da semana.

Promovidos polo Servizo de Normalización Lingüística e a Área de Cultura haberá esta fin de semana dúas rutas urbanas dirixidas por Xurxo Souto. As andainas, guiadas polo músico e escritor, e tituladas "O retorno dos homes mariños. Contos da cidade barco", terán lugar o sábado 13 de maio de 19.00 a 21.00 horas e o domingo 14 de 11.30 a 13.30 horas. Souto falará nelas da Coruña mesturando literatura, historia e música. Para poder asistir a estas rutas será necesaria unha inscrición por correo electrónico no enderezo inscricionslingua@coruna.gal. Unha vez confirmada a inscrición facilitarase o punto de saída da ruta. Hai dispoñibles 50 prazas e as inscricións están xa abertas ata o día 12 ás 15.00 horas ou ata esgotalas.

Da mesma maneira, baixo o lema "Sinte en galego: Letras Galegas 2023", as bibliotecas municipais programan desde o venres 12 un feixe de actividades ao longo dunha semana que terá como colofón o concerto do AgoraSón primavera "Os sons esquecidos", con Abraham Cupeiro, o venres 19 de maio, onde colaborando co Servizo de Normalización Lingüística poñen ao dispor do público as entradas nos seus mostradores coa retirada de calquera material en galego dispoñible nas bibliotecas.

As bibliotecas visibilizan así o compromiso coa lingua e a literatura galega, pero estes días en especial ofertarán contacontos, monicreques, obradoiros para diversas idades, onde contarán con artistas como Caxoto, Pablo Pablísimo ou Raquel Queizás, entre outros. Tamén haberá mostras para amosar os recursos bibliográficos e audiovisuais galegos que están dispoñibles nos seus andeis e canles dixitais, onde estará activo ademais o concurso "Chío de Letras" na rede social Twitter, co que queren animar a empregar o galego tamén en redes sociais, co uso de chíos dun máximo de 280 caracteres. O concurso estará activo ata o propio 17 de maio durante todo o día. As bases ampliando información sobre o concurso publicitaranse no perfil de Twitter das bibliotecas municipais, ao longo do venres 12 de maio, e a partir dese momento xa será posible participar.

Programación

Venres 12

Biblioteca Os Rosales. 18:00 h. Espectáculo Raio de Loubicán, co teatro de títeres Mircromina (3-8 anos)

Sábado 13

Biblioteca Sagrada Familia. 11.00 h. Obradoiro O Gran Xogo das Letras, con Patricia Martínez (8-12 anos)

Xardíns de Méndez Núñez

11:00 h-14:30 h | 17:30 h-21:00 h: Mercado de artesanía, libros, cómics e discos

11:30 h-13:00 h. Obradoiro: Iniciación á ilustración para público infantil, por Paula Esteban

11:30 h. Faladoiro: O entrelazamento: a ciencia do poema. Charla con Estíbaliz Espinosa

13:00 h. Sesión vermú con Xurxo Fernándes - Levaino!

18:00 h. Faladoiro: Intelixencia artificial ou natural? O impacto da IA nas profesións creativas, con Manel Cráneo, Tomás Conde e Santy Gutiérrez

18:00 h-21:00 h. Obradoiro: Tecer cos dedos (3 quendas de 1h)

19:30 h. Faladoiro: A Coruña plató. Ana Cermeño conversa con Emma Lustres e Jorge Coira

19:00 h-21:00 h. Ruta urbana con Xurxo Souto: O retorno dos homes mariños. Contos da Cidade Barco

21:00 h. Concerto: Radio Océano

Domingo 14

Xardíns de Méndez Núñez

11:00 h-14:30 h | 17:30 h -21:00 h: Mercado de artesanía, libros, cómics e discos

11:30 h-12:30 h. Obradoiro: Estampación téxtil con tintes naturais

11:30 h. Faladoiro: A Poesía non morde. Charla con Yolanda Castaño

11:30 h-13:30 h: Ruta urbana con Xurxo Souto: O retorno dos homes mariños. Contos da Cidade Barco (punto de encontro Palco da Música)

13:00 h. Sesión vermú con Brais Morán & NASAUFUNK

18:00 h. Faladoiro: Películas, revistas e cousas de internet, con María Yáñez

18:00 h-21:00 h. Obradoiro: Fabricación de xoguete artesanal (3 quendas de 1h)

19:30 h. Faladoiro: A Coruña e as Letras. Luís Pousa conversa con Yolanda Castaño e Xesús Fraga

20:30 h. Concerto: MOURA

Luns 15

Biblioteca Monte Alto. 18:00 h. Obradoiro. Biografía ilustrada sobre Francisco Fernández del Riego, con Sheila García Prado (8-12 anos)

Martes 16

Biblioteca Durán Loriga. 18:00 h. Encontro-obradoiro. Pequena Fauna do Cantigueiro de Cotobade: cantigas, debuxos e pandeiretas, con David Carballal (5-12 anos)

Xardíns de Méndez Núñez

18:00 h-21:00 h. Obradoiro: Elaboración de flores de coiro.

19:30 h. Faladoiro: A Coruña é música. Javier Becerra entrevista a Sés

21:00 h. Concerto: Sés

Mércores 17. Día das Letras Galegas

Xardíns de Méndez Núñez

11:00 h. Actuación da Aturuxo A.F.

11:30 h. Actuación da A.C. Donaire

12:00 h. Actuación da A.C.Son D´Aquí

12:30 h. Lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego

13:00 h. Actuación de Cántigas da Terra

13:30 h. Faladoiro: Espectáculo poético musical: Chulísima con Aldaolado

18:00 h. Faladoiro: A Coruña Literaria, presentada pola A.C. Alexandre Bóveda. Participan Carmela Galego, Jorge Castro e M.ª Xosé Bravo

18:00 h-21:00 h. Obradoiro: Realización de pulseiras de coiro (2 quendas)

19:30 h. Faladoiro: A Cidade. Marta Otero e Lois Alcayde conversan con Felipe Senén e Xosé Alfeirán

20:30 h. Faladoiro: Espectáculo poético musical: Lúa Mosquetera (acompañada de Pablo Seijas)

Xoves 18

Biblioteca Castrillón. 18:00 h. Contacontos O Paroleiro, con Pablo Pablísimo (4-8 anos)

Biblioteca Ágora. 18:00 h. Contacontos. Romaría, contos e lendas da nosa terra, con Raquel Queizás. (3-8 anos)

Venres 19

Biblioteca Fórum. 18:00 h. Contacontos. Contos para escoitar mentres bailamos un valse, co Caxoto (4-8 anos)

Centro Sociocultural Ágora.  21:00 h. Concerto ÁgoraSon: Os sons esquecidos, con Abraham Cupeiro.

Documentos:

Programa completo (638 KB)

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión