Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de marzo de 2018

O Concello celebra o Día dos Bosques cunha nova plantación no paseo das Pontes e a previsión de rematar abril con 1.300 novas árbores na cidade

A concelleira de Medio Ambiente indica que, a mediados do vindeiro mes, o Concello terá xa cumprido en máis dun 80% o seu obxectivo de rematar 2018 con 1.500 novos exemplares, dentro do Plan de Expansión de Arborado, e convida á cidadanía a participar das plantacións previstas para as vindeiras semanas

A Coruña celebra esta xornada o Día dos Bosques cunha nova plantación dentro do Plan de Expansión de Arborado, neste caso no Paseo das Pontes. Segundo explicou a concelleira de Medio Ambiente, María García, tras esta nova acción, A Coruña conta xa con 939 novas árbores dende finais do ano pasado grazas ao Plan de Expansión de Arborado, que pretende rematar o presente exercicio con 1.500 novos exemplares na cidade, en base ao obxectivo marcado de finalizar o ano incrementando nun 10% a porcentaxe de arborado urbano. A responsable municipal salientou que as previsións municipais pasan porque a mediados do mes de abril se dea por finalizada a segunda fase do plan de expansión, e que A Coruña conte xa con 1.319 novas árbores plantadas, todas de especies de gran tamaño. "Desta forma, na primavera teriamos xa conseguido o 88% do noso obxectivo, de 1.500 novas especies arbóreas", indicou.

Ademais da plantación que se levou a cabo nesta xornada (de catro magnolios na zona verde do Paseo das Pontes), nas vindeiras tres semanas está prevista a plantación de 380 árbores en distintos espazos da cidade. "Todo isto, se as condicións meteorolóxicas o permiten, xa que o noso plan era comezar coas novas plantacións que se produciron en Novo Mesoiro e Eirís o pasado mes de novembro, se ben non puidemos comezar até decembro debido a seca", apuntou.

As actividades do Día dos Bosques estiveron marcadas na xornada de hoxe, non só pola plantación de árbores senón pola inclusión da cidadanía nesta tarefa, que repercute nunha mellora da calidade da vida no espazo urbano. Así, a plantación contou, nunha xornada na que tamén se celebra o Día Mundial do Síndrome de Down, coa colaboración de 30 alumnos e alumnas do Centro de Educación Especial Nosa Señora de Lourdes, Aspronaga. Os e as usuarias compartiron unha actividade especialmente dedicada ao Día dos Bosques, cunha charla conmemorativa da xornada.

A intención do departamento de Medio Ambiente é continuar coas plantacións "participadas pola cidadanía". Desta forma, os e as veciñas que o desexen, especialmente se contan con cativos e cativas de 6 anos en adiante, poderán participar nas plantacións que están previstas para os días 5, 6 e 7 e os 12, 13 e 14 de abril e que se desenvolverán no Ventorrillo, Labañou, San Diego, Maestranza, O Parrote, Peirao das Ánimas, Castrillón e praia das Lapas, ademais do Barrio das Flores. Ademais da propia actividade da plantación, os e as participantes na mesma recibirán unha pequena charla-obradoiro sobre a importancia do arborado urbano. As persoas que desexen participar deberán enviar os seus datos persoais (nome, dni, lugar de residencia, teléfono e correo eléctrónico) ao enderezo electrónico medioambiente@coruna.es. É preciso que os e as menores participantes estean acompañadas por unha persoa adulta.

As novas que se están a plantar na cidade contan cunha sinalización e numeración, de cara a facer aínda máis visible o obxectivo dos 1.500 exemplares arbóreos

Plantacións realizadas

García quixo salientar o número de espazos  da cidade nos que se actuou ao longo desta segunda fase de expansión de arborado. Así, nestes últimos meses producíronse plantacións en zonas de alto valor ambiental como o Parque de Bens (con 26 árbores entre os que destacan os arces e os ginkcos), o Parque de Oza, onde se localizan novas froiteiras,  o Adolfo Suárez (con 65 novos exemplares de moreira, bidueira e cerquiño) e San Diego, con 36 novas árbores entre nogueiras, cerdeiras, figueiras, ameixeiras, pexegueiros e bidueiros).

As plantacións estendéronse tamén ao Parque de Catro Ventos con 112 árbores, á praia de Bens (con 11 piñeiros), a Cances, con 35 exemplares novos, así como a distintas zonas verdes na contorna de Novo Mesoiro, onde se colocaron 300 novas árbores entre sobreiras, carballos, freixos e outras especies autóctonas.

Por outro lado, nesta segunda fase de expansión de arborado, actouose en 85 rúas, localizándose as principais na Grela (20), Alcalde Peñamaría de Llano (16), Alcalde Salorio Suárez (11), Novos Mariñeiros (19), Alcalde Jaime Hervada (10), Emilio González López (25), contorna de Monte Alto (23), Cidade Vella (27), Casablanca-Avenida do Porto (40), Salgado Torres e Pablo Picasso (48), Juán José Miñores (41), Matogrande (20) e Barrio das Flores (80). O investimento municipal nesta fase ronda os 600.000 euros.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión