23 de agosto de 2016
O servizo de socorrismo municipal, o grupo de rescate acuático de Bombeiros da Coruña e Salvamento Marítimo participarán este sábado nun simulacro en Riazor, unha das actividades gratuítas que terán lugar esta semana dentro do proxecto, promovido tamén pola Fundación Mapfre e a Universidade da Coruña
O Concello colabora na posta en marcha da campaña Prevención de Afogamentos 2016, promovida pola Fundación Mapfre e a Universidade da Coruña e que se presentará ao público o próximo sábado, nun acto que terá lugar na praia de Riazor e ao que acudirá a concelleira de Medio Ambiente, María García. O obxectivo desta iniciativa é trasladar á sociedade as principais pautas de prevención, de cara a evitar accidentes no entorno acuático e, no caso de se produzan, dar a coñecer os pasos esenciais para actuar ante unha situación de emerxencia.
Durante toda a fin de semana, instalaranse tres carpas no areal de Riazor onde, en horario de 11.30 horas a 18.30 horas, se impartirán talleres de prevención gratuítos dirixidos a todos os públicos para dar a coñecer os principais factores de risco e técnicas de reanimación (RCP), así como coñecementos elementais de primeiros auxilios no caso de afogamento. As carpas estarán atendidas por persoal de salvamento e integrantes do servizo de socorrismo dos areais da cidade. Do mesmo xeito, técnicos especializados dos servizos de emerxencias sanitarias, que estarán preto dos e das asistentes en todo momento, farán un labor didáctico, recordando algunhas das causas máis frecuentes de afogamento, como son entrar na auga sen atender as indicacións dos e das socorristas, non saber nadar ou facelo sen a suficiente preparación, e descoñecer o entorno. Tamén se fará especial fincapé na importancia de vixiar adecuadamente aos e ás menores de 10 anos, franxa de idade que comprende o 6% do total de vítimas mortais por afogamento.
Aínda que os talleres terán lugar toda a fin de semana, o sábado pola mañá terá lugar o acto de presentación no que, ademais da concelleira de Medio Ambiente, participarán responsables tanto da Fundación Mapfre como do Grupo de Investigación de Actividades Acuáticas e Salvamento da Universidade da Coruña. Está previsto que ás 13.00 horas dese día teña lugar un simulacro de salvamento con tres persoas que representarán os distintos problemas que se poden atopar na auga. Estas serán rescatadas tanto polo servizo de socorrismo, como o Grupo de Rescate Acuático do servizo de Bombeiros da Coruña (que participarán cunha embarcación e unha moto acuática) e o Helicóptero de Salvamento Helimer Galicia, que levará a cabo unha aterraxe na glorieta das Esclavas para probar zonas de aterraxe de urxencia. O simulacro tamén incluirá, ademais do salvamento, o tratamento en terra das vítimas, que recibirán atención sanitaria por parte dos servizo de socorrismo e persoal de Protección Civil, antes de ser trasladadas a un centro hospitalario.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible