19 de outubro de 2016
O edil de Culturas, José Manuel Sande, subliña a “unidade e integración da insólita produción literaria, xornalística e cinematográfica” do autor, que se analizará desde distintas persepectivas a partir de mañá na Fundación Luis Seoane
O Concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou esta mañá no Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) na presentación do Congreso Internacional O Home que quixo crear. Literatura, xornalismo e cinema na obra de Wenceslao Fernández Flórez, que terá lugar os días 20 e 21 de outubro na Coruña. A cita, na que colabora o Concello da Coruña, ten como obxectivo afondar e analizar a creación do autor a través das distintas vertentes nas que desenvolveu a súa obra, como é a produción literaria, xornalística e cinematográfica. O responsable municipal saudou a celebración dun congreso "especializado" que abordará as distintas facetas de Fernández Flórez como creador, "unha figura que ten un especial interese sociocultural". "O Goberno local apoia unha iniciativa que non só subliña a singularidade deste autor, senón que tamén axudará a esclarecer épocas determinadas, historiográficamente falando, da sociedade, así como das distintas maneiras de crear do momento", destacou. "Na faceta humorística, cinematográfica, literaria e xornalística de Wenceslao, hai un multiperspectivismo moi ben integrado", expuso o edil, quen sinalou que a súa obra "fala tanto do carácter insólito da propia produción como da figura social e cultural que supuxo na súa época".
O encontro terá lugar o día 20 e na mañá do 21 na Fundación Luis Seoane e no CGAI, a través de dúas xornadas nas que se analizarán os seus vínculos co xornalismo e o cinema, mentres que a actividade da tarde do venres, na que se analizará o seu papel como escritor, desenvolverase na sede da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, en Cecebre.
Así, na mañá do xoves, na Fundación Luis Seoane, afondarase no seu papel como xornalista a través dos seus vínculos ao diario ABC, as súas crónicas parlamentarias e futbolísticas. Na sesión de tarde afondarase nesta cuestión, e terán lugar as primeiras comunicacións arredor da súa vertente cinematográfica, que incluirá a proxección de framentos de dúas versións de El malvado Carabel, e a presentación do ciclo de cinema De portería a portería: fútbol e cinema desde Galicia e A Coruña, na que se exhibirán imaxes do Real Club Deportivo da Coruña desde antes da Guerra Civil ata a actualidade. O centro de arte contemporánea municipal tamén acollerá a sesión de mañá do venres 21, na que se celebrará unha mesa temática arredor da historia do cinema e adaptación da obra de Fernández Flórez na sétima arte, mentres que pola tarde, xa en Cecebre, lugar onde ambientou a sua coñecida obra El bosque animado, o congreso abordará o seu papel como escritor e humorista, así como a súa relación co galeguismo.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible