Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

21 de marzo de 2023

O Concello comeza a segunda fase dos traballos de conexión do carril bici entre o paseo marítimo e Gregorio Hernández

Inés Rey supervisou as obras realizadas na avenida da Habana, que se complementan con máis prazas de aparcamento, novo arboredo e melloras de accesibilidade

A alcaldesa, Inés Rey, supervisou hoxe os traballos de reurbanización da avenida da Habana e o cruzamento con Gregorio Hernández. A actuación, consistente na creación dun carril bici que conecte o paseo marítimo coa rolda de Nelle, comeza a súa segunda fase coa extensión desta vía ciclable ata o cruzamento entre ambas as rúas nos dous extremos da avenida.

Ata o de agora, xa se levou a cabo a urbanización da gran maioría da avenida da Habana, creando un carril bici bidireccional de 2,5 metros de ancho e unha lonxitude de 530 metros, na beirarrúa máis próxima ao estadio municipal de Riazor. Ademais, executouse un enlace co paseo marítimo a través da conexión semafórica da avenida de Bos Aires.

"Esta actuación, ademais de crear un itinerario ciclista de máxima calidade e seguridade, permite mellorar a contorna da avenida da Habana e Gregorio Hernández, con melloras xa visibles como a ampliación das beirarrúas", sinalou a alcaldesa. A actuación complementouse con melloras de accesibilidade nas paradas de autobús e nos cruces de peóns/peoas e está prevista a plantación de novo arboredo. Ademais, instalouse na avenida da Habana unha estación de BiciCoruña para reforzar a mobilidade en bicicleta na contorna. En paralelo, levouse a cabo unha actuación na marxe contraria da calzada, suprimiuse un carril de circulación e sumáronse 22 novas prazas de aparcamento en batería, eliminando desta maneira a dobre fila de vehículos.

Nesta segunda fase executarase o carril que transcorrerá entre a rúa Pedro Ferrer e o cruzamento con Gregorio Hernández e o Paseo de Rolda. Tamén se está ampliando a beirarrúa no tramo que vai desde o cruzamento á rúa Eduardo Dato, en dirección ao paseo marítimo. A terceira fase consistirá na creación do carril bici en Gregorio Hernández, conectando co existente na rolda de Nelle. Os traballos comezarán desde a glorieta que une ambas as rúas e avanzará en dirección á intersección coa avenida da Habana.

Esta última fase suporá a creación dun carril de 642 metros, das mesmas características do existente na avenida da Habana. A actuación completa conta cun investimento de 500.000 euros.

Ampliación da rede ciclable

A reurbanización da avenida da Habana e Gregorio Hernández supón un novo avance nas políticas de fomento dunha mobilidade sostible e saudable por parte do Goberno de Inés Rey. Nestes momentos hai en marcha obras para crear novos carrís bici na avenida de Linares Rivas, na travesía de Fernández-Latorre e na glorieta que conecta a avenida do Exército con Ramón y Cajal. Ademais, recentemente finalizaron as obras de creación de carrís bici na contorna da glorieta das Paxariñas e na avenida de Fisterra.

Desde o 2019, e unha vez finalizadas estas actuacións, lévanse executados 24 quilómetros de vías ciclables, o que suma un total de máis de 50 quilómetros en total ao longo da cidade. "O noso obxectivo é fomentar o uso da bicicleta tanto para pasear como para ir ao centro de traballo, e así o estamos a facer apoiándonos en dous eixes: a mellora da rede ciclable e o novo servizo de BiciCoruña", sinalou Inés Rey, que celebrou que o servizo de alugueiro de bicicletas volvese bater o seu récord de usos diarios a semana pasada con 3.336 nunha soa xornada, "síntoma da súa boa acollida entre a cidadanía".

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión