8 de outubro de 2017
Xiao Varela destaca o avance das obras de urbanización, que continúan nos viais de acceso, máis de 2000 m2 xa asfaltados.
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, iniciará a vindeira semana unha serie de xuntanzas con representantes das cooperativas do Ofimático para abordar a tramitación das primeiras licenzas de primeira ocupación no polígono. Nas últimas semanas, o Concello recibiu a primeira solicitude que, como avanza o responsable municipal, "comezará a analizarse, ao igual que o resto que vaian chegando, para ir avaliando a documentación e requirir, en caso necesario, que se complete o expediente ou se subsanen aquelas deficiencias que poidan apreciarse". O obxectivo, observa, é poder avanzar neste trámite ao tempo que continúan as obras de urbanización necesarias para a concesión destas primeiras licenzas, que proseguen a bo ritmo nos viais de acceso ao polígono, dos que xa hai asfaltados máis de 2000 m2.
O concelleiro de Rexeneración realizou esta semana unha nova visita para comprobar o progreso dos traballos, despois da reunión técnica de coordinación que tivo lugar nos últimos días, con representantes das cooperativas e os seus servizos técnicos, Gas Natural Fenosa, a dirección de obra, a UTE que desenvolve a obra de urbanización e o supervisor municipal, e que serviu para actualizar o estado da actuación. Nese sentido, Varela salienta que a compañía eléctrica vén de remitir á Consellería de Industria a documentación que permitirá tramitar os traballos da canalización que servirán para levar ao novo barrio o subministro eléctrico desde a subestación de Eirís, e que agora deberá ser aprobada pola Xunta para poder acometer esta actuación, "que é o desafío máis relevante neste punto da obra". O responsable de Rexeneración Urbana destaca, a este respecto, que o Concello xa obtivo a autorización de Patrimonio para o cambio de trazado que supón o retranqueo da liña de media tensión da subestación de Eirís, e tamén remitiu a autorización municipal, co informe favorable do Arqueólogo municipal, "adiantando o traballo para facilitar os trámites á Xunta de Galicia, que é quen debe aprobar ese proxecto para permitir a Fenosa desenvolver esta actuación e ao Concello poñer en marcha as obras de subministración eléctrica dentro do polígono".
Do mesmo xeito, desde Rexeneración Urbana tamén se requiriu ás cooperativas que, ante o avanzado dos traballos que se desenvolven nos accesos ao Ofimático, procedan a subsanar as posibles deficiencias creadas pola construción dos edificios de vivendas, de cara a facilitar o traballo de urbanización a desenvolver polo Concello, xa que este será o próximo paso dentro das obras. Estas obras van dirixidas a dotar o Ofimático de acceso rodado e de todos os servizos necesarios para a concesión das primeiras licenzas de primeira ocupación das vivendas, e abranguen desde a pavimentación de accesos e dotación de iluminación, ata o abastecemento, rede eléctrica e saneamento, ademais de intervencións relativas á seguridade de bens e persoas.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible