5 de xullo de 2025
Con esta intervención, orientada ao reforzo da seguridade viaria na contorna do centro de saúde e o centro educativo Liceo La Paz, o Goberno de Inés Rey avanza coa súa folla de ruta no barrio de Matogrande
O Concello rematou esta semana as obras de mellora previstas na rúa Sebastián Martínez Risco, no barrio de Matogrande, onde estes últimos meses se actuou para mellorar a accesibilidade e reforzar a seguridade viaria, atendendo á proximidade do centro de saúde do barrio e do centro educativo Liceo La Paz.
En primeira instancia reconfigurouse un treito da rúa para que pasase a ser, parcialmente, de sentido único, a través dun só carril, ata o cruzamento coa rúa Luis Quintas Goyanes. Desta forma, simplificouse e desconxestionouse un percorrido condicionado a miúdo polo intenso fluxo de tráfico rodado, derivado, en boa parte, polas entradas e saídas ao colexio.
Ao pasar este sector de Sebastián Martínez Risco a un só carril de circulación tamén se gañou superficie para incrementar espazos de estacionamento, en batería, ata case 60, máis do dobre dos que había anteriormente.
Xa a posteriori, o Concello completou a intervención en Sebastián Martínez Risco, cumprindo así os compromisos adquiridos coa veciñanza, ampliando a beirarrúa e facendo máis accesibles os pasos peonís da contorna. Este foi, precisamente, o último paso executado nestas últimas semanas. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que as actuacións incluíron a creación de pequenas áreas axardinadas, "onde se completaron as tarefas de sementado e que, co paso das semanas, iremos vendo verdear".
A este investimento, de 175.000 euros, sumouse tamén o levado a cabo no parque infantil da rúa, onde se atenderon as demandas das persoas usuarias, ampliáronse os espazos de lecer e renovouse tamén o firme da área de xogos.
16 de xullo de 2025
11 de xullo de 2025
6 de xullo de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible