19 de xaneiro de 2018
O alcalde e o edil de Rexeneración Urbana visitaron esta semana os traballos, nos que o goberno local investiu máis de 161.750 euros
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visitou esta semana as obras de reurbanización que o goberno local iniciou o pasado mes de outubro na rúa Montiño, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil e revitalizar o espazo público do Castrillón, e dar así cumpremento a unha reivindicación histórica da veciñanza. "A actuación en Montiño é un exemplo das intervencións que este executivo municipal está a realizar na súa a posta por transformar os barrios. A rúa é estratéxica no desenvolvemento dun barrio que conta cunha importante poboación de persoas maiores. Con esta serie de intervencións, que inclúen a ampliación das beirarrúas, a mellora dos pasos peonís ou o cruzamento coa Rolda de Outeiro, O Castrillón gañará en seguridade, accesibilidade e, sobre todo, en calidade do espazo público e da ¡ vida da cidadanía", aseverou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que acompañou ao rexedor na visita. A rúa, que vertebrou o crecemento orixinario entre A Gaiteira e O Castrillón, "é unha vía fundamental de comunicación que conecta estes barrios, así como coa zona dos Castros a través da propia rúa da Mercede", apuntou Varela, quen sinalou que as actuacións levadas a cabo polo executivo municipal tamén resolven os problemas de recollida de pluviais que sofría a vía, derivados da súa pendente.
Os traballos, nos que o executivo municipal investiu 161.754,01 euros e que están a piques de rematar, consistiron "na transformación completa da rúa, que contaba cun ancho insuficiente para a segregación de peóns e automóbiles, cara a creación dunha plataforma única, con calzada e beirarrúa ao mesmo nivel e que, agora si, mellora a accesibilidade", subliñou Varela. Ademais, "e por petición da asociación veciñal", a vía pasará de contar cun dobre sentido para a circulación do tráfico rodado, para ter único de sentido de baixada, que conecta coa rolda de Outeiro e a rúa da Mercede, xunto á que se situaron dous novos pasos peonís. Para a condución, a apertura dun paso na mediana da rolda de Outeiro "ampliará o abano de traxectos posibles á saída de Montiño", indicou o responsable municipal. A reurbanización da vía supuxo a execución da calzada con pavimento de formigón, a solución de maior calidade e durabilidade para o tránsito de automóbiles, mentres que o espazo peonil está delimitado por un bordo de granito, para favocerer e garantir a calidade do espazo público. Nos últimos días o goberno local procedeu á colocación de bolardos, bancos e o resto do mobiliario urbano, así como a instalación da sinalización horizontal e vertical.
Outro dos aspectos salientables da reurbanización de Montiño é, en palabras do concelleiro, a renovación e reorganización do paso peonil pola rolda de Outeiro, que conecta a rúa con José González Chas e A Mercede. Nas tres vías a área de Rexeneración Urbana procedeu á renovación do pavimento --tanto nas beirarrúas como nas calzadas-- e duplicou o paso peonil existente, para contar cunha embocadura directa da rúa Mercede. Esta medida acurtará o cruce, "o que suporá unha mellora da visibilidade tanto para o tránsito peonil, como para as persoas condutoras", apuntou.
Renovación de canalizacións
Os traballos, tal e como sinalou Xiao Varela, tamén supuxeron a execución dunha rede separativa de pluviais, cos sumidorios para a recollida de augas dispostos no eixo da calzada, "na liña máis distante do tránsito peonil, que é tamén a posición máis axeitada nas solucións de plataforma única". Instaláronse novas canalizacións municipais, entre elas a do alumeado público, e renovouse a rede de fecais, que conectará coa renovada meses atrás na rúa Castrillón. Ambas aumentaron o diámetro das conducións para ampliar a súa capacidade.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible