21 de agosto de 2017
A Corporación da Coruña convida aos e ás traballadoras municipais, así como a toda a veciñanza, a participar mañá, as 12.00 horas, nun minuto de silencio ás portas do Pazo de María Pita, en sinal de repulsa e en apoio á familia e persoas achegadas á vítima
O Concello da Coruña quere expresar a súa máis enérxica condena ante o crime perpetrado esta madrugada no barrio de Monte Alto, onde unha veciña foi asasinada nun caso que, segundo os primeiros indicios, parece apuntar a unha situación relacionada coa violencia machista. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, indica que, á espera de coñecerse todos os detalles que envolven este feminicidio, "cremos que o caso debe ter a consideración de violencia de xénero". Por outro lado, a responsable municipal manifestou "a total disposición do Concello e os seus corpos de seguridade" a colaborar para o esclarecemento deste crime, se ben o asunto está a ser tratado polo Corpo Nacional de Policía.
O Goberno local convida a todos e todas as traballadoras municipais así como á veciñanza a sumarse ao minuto de silencio convocado pola Corporación local para mañá, martes, ás 12.00 horas, ás portas do Pazo de María Pita, para expresar a súa condena ante este crime, ademais de trasladar o seu apoio e solidariedade á familia e as persoas achegadas á vítima. Do mesmo xeito, o Concello ponse a disposición da familia da mesma, especialmente da súa filla -nai da menor que se viu implicada no suceso- e ofrecerá á afectada asistencia xurídica e psicolóxica, seguindo o protocolo establecido para os casos vinculados ás violencias machistas.
"As violencias machistas exprésanse de xeitos moi diversos, non só co asasinato de mulleres que é a súa expresión máis horrenda, senón tamén coa utilización dos e das menores que son transformadas en meros obxectos de vinganza, cos que seguir afondado no terror contra ás mulleres", recordou a titular de Igualdade, quen manifestou a preocupación do goberno municipal polo feito de que o crime de Monte Alto estea relacionado cun suceso destas características. "Por isto, precisamente, consideramos necesario, á espera do avance da investigación, que se lle dea un tratamento de violencia de xénero", engadiu a concelleira.
O Concello, seguindo o acordo da moción plenaria aprobada en outubro de 2015, convida tamén á cidadanía a participar na concentración contra as violencias machistas que será convocada polo movemento feminista un día despois da publicación en prensa escrita do asasinato.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible