Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

25 de abril de 2026

O Concello conmemora o 30 aniversario da Fundación Luis Seoane cunha mostra de óleos inéditos do artista

‘Seoane reencontrado’ reunirá desde maio 55 obras do autor pertencentes á colección institucional da entidade

Con motivo da celebración do 30 aniversario da súa creación, a Fundación Luis Seoane acollerá 'Seoane reencontrado', unha exposición que saca á luz un conxunto de 55 óleos da colección institucional que non se amosaban ao público desde fai máis dunha década, dos que 38 nunca foron expostos nas súas salas.    

"O legado que Luis Seoane deixou á Coruña debe ser coñecido pola cidadanía, e por iso aproveitamos esta efeméride tan destacada da súa Fundación para recuperar dita colección inédita, amosando a dimensión dun artista global", indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña. A mostra convida a afondar na pintura de Seoane a través dunha selección de pezas que, aínda que menos coñecidas, son representativas da riqueza da súa linguaxe pictórica, dando así continuidade ao labor de difusión e estudo da súa obra levado a cabo pola Fundación desde 1996. 'Seoane reencontrado. Óleos 1945 - 1977' estará aberta ao público do 14 de maio de 2026 ata o 14 de maio de 2027.

A exposición comeza cunha selección de óleos realizados polo artista durante a segunda metade dos anos 40, como 'O ermitán' (1945), 'Cabeza de campesiño' (1946), 'O sombreiro verde' (1948), 'Pensando na beira do mar' (1948) ou 'Falando' (1948). Seoane dá os seus primeiros pasos como pintor empregando unha gama cromática limitada de grises e marróns combinados con tonalidades rosas, amarelas, verdes ou azuis suaves, pouco saturadas, que aplica a través dunha pincelada espesa. Co cambio de década aparecen as primeiras variacións no tratamento da perspectiva, que se simplifica; tamén no uso da cor, que se amplía e intensifica, e na utilización do trazo para a organización de elementos dentro do lenzo, unha evolución que se fai evidente en óleos como 'Pelando papas' (1950).

A partir deste punto, a exposición adéntrase nese periodo de preto de quince anos no que Seoane desenvolve por completo a súa linguaxe pictórica, que agora é sintética, desprovista de volume, e se caracteriza pola aparición de grandes masas de cor e segmentos gráficos, froito da súa actividade como gravador e muralista. Esta etapa, a máis representada dentro do proxecto, ábrese con tres óleos realizados no ano 1958, 'Muller levando unha gran cesta' - imaxe da mostra - 'A discusión' e 'Cabeza con canasto', e nela inclúense cadros pouco coñecidos como 'Figura' (1964), que se expón por vez primeira na Fundación.

Para o percorrido expositivo optouse por unha disposición cronolóxica das obras, unha elección que permite amosar a evolución da pintura do artista a novos espectadores, ao mesmo tempo que proporciona a aqueles xa familiarizados con ela a posibilidade de recoñecer determinadas características estéticas e formais de pezas expostas anteriormente na Fundación Luis Seoane en varias das que agora figuran nesta exposición. Un exemplo disto sería 'Cabeza', un óleo de 1963 inédito na Fundación e 'Cabeza de perfil', do mesmo ano, que formou parte da mostra permanente de 2015.

A exposición ofrece tamén a posibilidade de realizar unha lectura diferente da práctica artística de Seoane grazas á presencia de varios óleos de carácter máis experimental, pouco habituais na súa producción, como 'Cargando cun bulto', 'Figura con fondo vermello' (1959), 'Xogo con espátula' (1962) ou 'Abstracción I' (1962). Trátase de cadros realizados entre 1959 e 1962, dentro dese período que vai desde mediados da década dos 50 ata finais dos sesenta, chave na súa traxectoria, no que xa é un artista recoñecido e a súas obras figuran en coleccións públicas e privadas. O seu traballo como gravador, editor e muralista posibilítalle o contacto con distintas solucións e materiais, levándoo a experimentar coas texturas, o que lle confire a estas pezas un carácter excepcional dentro da súa obra pictórica que, como el mesmo afirma, é "plana, de fortes contrastes de cor e cun grafismo espontáneo que se lle superpón. (...) Non trato de facer unha pintura lavada, senon de fuxir de calquera clase de texturas que distraigan a intensidade do ton plano".

'Seoane reencontrado' recolle ademais aspectos biográficos do artista a través doutros exemplos como o retrato de Alfredo Cáceres, marido da escritora uruguaia Esther de Cáceres, ambos amigos de Luis e Maruja; ou a homenaxe divertida e nostálgica que Seoane lle rinde en 1970 a catro estrelas do cinema mudo nunha serie de retratos que non se expoñían xuntos desde fai máis de tres décadas. Por último, destaca tamén 'Figura en interior' (1950), presente na mostra inaugural da sede definitiva a Fundación Luis Seoane, que regresa agora á súa sala principal de exposicións.   

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión