Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

10 de xaneiro de 2024

A análise dos datos recollidos polo Centro Integral da Mobilidade nos paneis pedagóxicos habilitados na cidade reflicte máximos de 122 quilómetros por hora en lugares limitados a 50

O Concello constata que catro de cada dez persoas condutoras incumpren os límites de velocidade e fai un chamamento a unha condución máis responsable para adiar a activación dos radares sancionadores

Inés Rey: “Non podemos permitir que os excesos de velocidade poñan en risco as persoas. Iso esixe un compromiso colectivo de todas e todos para calmar o tráfico rodado”

A alcaldesa, Inés Rey, fixo balance esta mañá do balance de datos correspondente aos radares pedagóxicos habilitados polo Concello o ano pasado en diversas localizacións da cidade, unha iniciativa executada ao abeiro da instauración das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) na Coruña.

"Son radares que, en esencia, teñen unha función disuasoria", lembrou a rexedora. É dicir, non sancionan as e os condutores de vehículos, "mais son necesarios para concienciar a cidadanía sobre a importancia de reducir a velocidade nas vías interurbanas, porque a nosa prioridade é garantir a seguridade viaria", agregou Inés Rey.

Neste sentido, no ano 2023 entraron en funcionamento dez radares pedagóxicos na Coruña. Tres dos dispositivos están situados en avenidas ou rúas onde o paso de vehículos é intenso e habitual, en enclaves onde está definida unha velocidade máxima de 50 quilómetros por hora: son as avenidas de Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza e A Habana. A maiores, hai outros sete radares activos preto de centros educativos, en puntos onde a velocidade máxima é de 30 quilómetros por hora: na rolda Camilo José Cela, na estrada de Eirís, preto do CEIP Manuel Murguía (Feáns), na contorna do CEIP Labaca (rúa Juan Flórez), na avenida da Sardiñeira, no treito da rolda de Outeiro lindeiro ao CEIP Sagrada Familia e, por último, na estrada dos Fortes, que conecta Os Rosales e Visma.

Os datos que fundamentan o informe presentado esta mañá correspóndense cos recollidos no último cuadrimestre de 2023, cando os dez radares, que se foron instalando de forma progresiva, xa estaban activos.

Rexistráronse datos de 2.670.173 vehículos -contabilizando de forma conxunta os controis efectuados nos radares pedagóxicos en zonas 50 e zonas 30-. En total detectáronse 1.020.709 infraccións, é dicir, case nun 40% dos vehículos controlados rebasouse o límite establecido.

Con respecto a isto, a mostra correspondente aos tres radares pedagóxicos en zonas 50 foi de 270.000 vehículos, para cada un dos dispositivos. Rexistráronse bos indicadores en Pedro Barrié de la Maza e A Habana, onde a porcentaxe de persoas infractoras que superaron o máximo de velocidade permitida foi case dun 5%.

"Porén, no caso específico do radar pedagóxico de Alfonso Molina detectáronse case 70.000 vehículos que superaban os 50 quilómetros por hora ao pasar a carón do panel informativo. Iso é máis dun 25% do total e, ademais, detectáronse picos de 122 quilómetros/hora, unha cifra que é inadmisible se nesta cidade queremos seguir avanzando en materia de seguridade viaria", advertiu a alcaldesa.

Na Zona 30 de Juan Flórez chegouse a triplicar a velocidade máxima permitida

Nos sete radares pedagóxicos onde o máximo de velocidade é de 30 quilómetros/hora, en catro deles foi máis elevado o número de persoas infractoras que o de condutoras que respectan a normativa. "Así o reflicten as cifras que se recolleron nas últimas semanas en puntos como a estrada de Eirís, na avenida da Sardiñeira, o treito da rolda de Outeiro que bordea a Sagrada Familia e tamén na estrada dos Fortes", subliñou hoxe Inés Rey.

Cómpre lembrar que estes sete radares están dispostos moi preto de camiños escolares e pasos peonís. "Isto xa tería que facernos reflexionar sobre a necesidade de ser máis cívicos en termos de mobilidade e circulación pola cidade", incidiu a alcaldesa na rolda de prensa. Rey puxo como exemplo o dato correspondente á estrada dos Fortes, que ten accesos directos a centros educativos como Calasancias e o Calasanz. Nesta vía, recolléronse datos de 270.203 vehículos no período comprendido entre finais de setembro e mediados de decembro. De todos eles, 206.000 excederon o máximo de velocidade permitida, e a velocidade media detectada foi de case 40 quilómetros/hora, dez máis que o máximo estipulado.

A maiores, o Centro Integral da Mobilidade (CiMob) facilitou outro dato que cómpre ter en conta: no carril 30 da rúa Juan Flórez, o radar pedagóxico próximo ao colexio Labaca detectou máximos de 94 quilómetros/hora, máis do triplo do establecido. "Non queremos ser alarmistas, mais o límite de 30 existente alí ten un fin preciso: reducir a sinistralidade e, sobre todo, os atropelos, polo que debe cumprirse", engadiu Inés Rey.

Na súa intervención, a alcaldesa incidiu en que "a aposta do Goberno municipal é a de impulsar novas formas de mobilidade sostible, sabendo que é preciso seguir traballando pola convivencia cos vehículos porque os grandes cambios non se dan dun día para outro. Mais a nosa prioridade, hoxe e sempre, son as persoas. E iso esixe un compromiso colectivo de todas e todos para calmar o tráfico rodado".

Os datos dos radares volveranse avaliar a comezos de marzo

O Concello instalou en 2023, ademais dos radares pedagóxicos, sete caixas de radares sancionadores, con dous cinamómetros que se poden dispoñer en calquera delas. Respecto disto, Inés Rey recalcou este mércores que "a intención deste Goberno non é sancionar, senón conseguir que as persoas se comporten dun xeito cívico e responsable. A maioría xa o fai, pero vemos polos datos recollidos que temos unha ampla marxe de mellora. Por iso hoxe fago un chamamento a respectar as normas. Se todos nos concienciamos non serán precisas multas", dixo.

Por iso, a rexedora informou esta mañá de que, por agora, non está previsto activar os radares sancionadores. "Agardaremos ata o 1 de marzo para volver analizar as cifras. Se a situación mellora e baixan sensiblemente os incumprimentos, adiaremos a posta en marcha dos radares sancionadores. Mais se non se consegue ese obxectivo, non quedará outra que sancionar para facer cumprir as normas. Porque non podemos permitir que os excesos de velocidade poñan en risco as persoas", destacou.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión