30 de agosto de 2026
Esta nova ferramenta de xestión dos gatos ferais conta cun orzamento de 25.000 euros
O Concello da Coruña sacou a contratación un servizo de xestión das colonias felinas urbanas mediante un software que permita controlar de modo eficaz as poboacións destes animais na cidade, para garantir o seu benestar e minimizar posibles problemas de limpeza urbana e molestias á cidadanía, seguindo coa liña de actuación na materia marcada polo Goberno de Inés Rey.
A necesidade do contrato nace da obriga, imposta pola Lei de protección dos dereitos e o benestar dos animais, de que os concellos sexan os que xestionen as colonias felinas de cada municipio e apliquen o método CER (Captura, Esterilización e Retorno) para controlar a poboación de gatos comunitarios.
O software do novo contrato, cun orzamento de 25.000 euros e unha duración de tres anos, deberá incluír un mapa interactivo que permita visualizar o estado xeral das colonias felinas e a súa xeolocalización. Así mesmo, o programa permitirá clasificar as colonias, obter información de cada exemplar a través dos microchips e xestionar as queixas e incidencias que poidan xurdir.
Os dous eixos fundamentais do programa serán, por unha banda, o seguimento detallado do protocolo CER e, por outra, a xestión das persoas colaboradoras na xestión das colonias, distinguindo entre asociacións, persoal veterinario asignado e persoas alimentadoras. Neste último caso, será posible especificar se recibiron formación, así como se se obtivo autorización municipal.
"Esta nova ferramenta de xestión facilitará o control do censo de gatos na cidade mantendo ao día a ficha de cada colonia, especificando o número exacto de gatos, o seu estado de saúde, vacinación, esterilización e o chip de identificación", sinala a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, quen tamén destacou que o novo programa permitirá "que as asociacións e as persoas coidadoras lles poidan notificar rapidamente incidencias sobre limpeza, saúde dos animais ou conflitos veciñais directamente aos equipos municipais".

24 de agosto de 2026

23 de agosto de 2026

12 de agosto de 2026
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible