2 de xuño de 2016
As persoas interesadas, que deberán ser pensionistas, poderán formular a súa solicitude desde hoxe ata o día 10 na OMAD para participar o ano que vén nas viaxes, que programa o Imserso
O Concello abre hoxe o prazo para solicitar unha das 147 prazas gratuítas que oferta no programa Vacacións e Turismo Social para Maiores, dentro das quendas organizadas polo Imserso, para participar en viaxes que terán lugar en febreiro do ano que vén. O programa vai dirixido a persoas pensionistas empadroadas na Coruña con capacidade económica anual inferior aos 11.928,22 euros (1,6 veces o IPREM do ano 2015), sempre que estas teñan autonomía suficiente para realizar as actividades básicas, sen alterar a convivencia durante a viaxe. As e os beneficiarios poderán participar co seu ou a súa cónxuxe ou parella e poderán incluír na súa solicitude fillos ou fillas aqueixadas dalgunha discapacidade (de grao mínimo dun 45%), que deberán estar acompañados dos seus proxenitores e compartir habitación.
As persoas interesadas poderán entregar a súa solicitude desde hoxe, día 2, ata o día 10 deste mes na Oficina Municipal de Dependencia, Maiores e Discapacidade (OMAD) na rúa Doutor Enrique Hervada, 4, en horario de 09.00 a 13.30 horas. As listas provisionais de persoas admitidas poderanse consultar na propia OMAD, nos centros cívicos, no servizo telefónico 010 e na web www.servizossociais.coruna.es (sen que a inclusión das mesmas supoña un recoñecemento por parte dos servizos municipais de que todas as persoas reúnen os requisitos esixidos polo Imserso para acceder ás prazas). A partir de decembro deste ano, os e as admitidas recibirán no seu domicilio unha carta informativa onde se indicará o destino e a quenda da viaxe.
O Concello advirte tamén de que a duplicidade de solicitudes no Concello e no programa do Imserso suporá a validación da solicitude municipal. Deste xeito, as persoas que se inscriban na convocatoria municipal non recibirán en setembro a carta informativa do Imserso, ao xa ter cursado a súa solicitude.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible