1 de xaneiro de 2016
O alcalde salienta a capacidade da factoría para ser "un impulsor da industria e o emprego na área metropolitana coruñesa" e chama a "redobrar os esforzos" para dar solución aos problemas que atravesa
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, vén de convocar ás administracións con competencias na continuidade da Fábrica de Armas, así como á empresa Hércules de Armamento e a representantes do cadro de persoal, a unha xuntanza, co obxecto de abordar e defender a actividade na factoría e o mantemento dos postos de traballos. A través dunha carta, que o rexedor remitiu o pasado día 30 de decembro ao conselleiro de Industria, o delegado do Goberno, o director de Hércules de Armamento e os representantes da asemblea de traballadores, o Goberno local asume a demanda formulada por estes últimos e empraza a todos os axentes con implicación a reunirse, co obxecto de concertar actuacións e “tratar os problemas que poden afectar á continuidade da actividade, coa conseguinte perda dos postos de traballo”.
“Non podo deixar de facer un chamamento cara a redobrar os esforzos para dar solución a un problema que se prolonga desde hai xa quince anos e que vén dificultando o normal funcionamento dunha industria que ten capacidade produtiva, de investigación e desenvolvemento, persoal formado e competente e todas as calidades que poden facer dela un impulsor da industria e o emprego na área metropolitana coruñesa”, indica Ferreiro na misiva, na que fai constar que presta, como alcalde da cidade na que ten a sede a fábrica, a colaboración requirida polos traballadores, que na súa solicitude chamaban a defender a actividade industrial, cara a “recuperar a rápida normalización da situación socio-laboral que vive a empresa”.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible