Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

19 de febreiro de 2024

O Concello coordina un amplo dispositivo de seguridade para a celebración este xoves da proba ciclista O Gran Camiño

Máis de 120 ciclistas de máximo nivel participarán nesta etapa retransmitida en 170 países

Este xoves, 22 de febreiro, terá lugar na cidade a primeira etapa do Gran Camiño, a carreira ciclista por etapas máis importante de Galicia e unha das mellores de España. Trátase dunha contra o reloxo individual de 15 quilómetros con saída e chegada na Torre de Hércules que contará con algúns dos mellores ciclistas do mundo, como Jonas Vingegaard (vixente gañador do Tour de Francia), Egan Bernal, Ethan Hayter ou Carlos Rodríguez.

Esta proba contará cun amplo dispositivo de seguridade organizado polo Concello da Coruña, que garantirá o normal desenvolvemento da xornada. A proba transcorrerá polas seguintes vías: Paseo marítimo, Matadoiro, avenida Pedro Barrié de la Maza, avenida de Bos Aires, paseo de Rolda, avenida de San Roque (ata este punto, en sentido contrario ao establecido para a circulación de vehículos), avenida de Labañou, rolda de Outeiro, Manuel Azaña, Emilio Gonzalez López, Simón Bolivar, Carmen Rodríguez-Losada Trulock, estrada dos Fortes, estrada do Portiño e paseo marítimo ata a Torre de Hércules.

O dispositivo de seguridade quedará establecido a partir das 11.00 horas, procedendo ao peche total do circuíto ás 13.00 horas. A reapertura ao tráfico levarase a cabo de maneira progresiva, a partir das 17.15 horas e segundo a chegada dos participantes á meta. Os cortes de tráfico motivarán desvíos e regulación das rúas paralelas para minorar os efectos para as persoas usuarias e veciños afectados polo evento.

Na zona de Monte Alto e Riazor, ante o corte total do Paseo marítimo, recomendarase empregar como itinerarios de entrada e saída o túnel Mariña-Parrote e a rúa San Andrés. Na zona do estadio de Riazor permanecerá pechada a rúa Manuel Murguía, establecéndose como alternativas a avenida da Habana e Gregorio Hernández para o acceso á Terceira Rolda.

No barrio dos Rosales, por onde atravesará a proba, establecerase un peche da rúa Manuel Azaña, no tramo comprendido entre a rolda de Outeiro e Emilio González López; habilitándose acceso aos Rosales desde a estrada dos Fortes cara a rúa Simón Bolivar, e establecéndose unhas zonas de paso que en función do transcurso da proba e o paso dos corredores permitan acceder ás vías interiores. Do mesmo xeito aplicaranse medidas similares para permitir o acceso e saída na zona de Labañou e vivendas do grupo María Pita. Na zona do Portiño, será necesario restrinxir a circulación de vehículos mentres dure a proba, que se restablecerá en canto o paso dos corredores e participantes así o permita.

Tendo en conta que na zona de alteracións do tráfico se atopan centros escolares e educativos, asistenciais, servizos públicos, aparcadoiros etc, contactouse con todos eles para dar traslado das medidas previstas e as alternativas expostas para causar os menores prexuízos posibles, así como ás diferentes asociacións veciñais co fin de garantir a seguridade durante o desenvolvemento da proba e compatibilizar isto coas necesidades dos veciños e usuarios.

Hai información ampliada por zonas na páxina web municipal da Concellaría de Deportes.

Transporte e centros educativos

Aínda que se verán afectadas directamente as zonas de Durmideiras (unicamente na contorna do hotel), Monte Alto, Riazor e Paseo marítimo, a zona máis afectada será a dos Rosales. Tamén haberá restricións de aparcadoiro en ditas zonas e veranse afectados os autobuses urbanos e os do transporte escolar con cambios de percorridos polo corte do Paseo marítimo, entre a Torre e os Rosales e no interior do barrio dos Rosales.

No aparcadoiro subterráneo do Paseo marítimo haberá varios accesos cortados, quedando habilitadas dúas entradas (praza de Portugal e rúa Alta) e dúas saídas (rúa Rubine e rúa Sol).

Por outra banda, tamén será necesario anular o funcionamento de cinco estacións de BiciCoruña que se atopan no percorrido. Serán as do Aquarium, Torre de Hércules, Casa do Sol, Os Rosales-Labañou e Millenium. As bases alternativas son: Durmideiras, Mercado de Monte Alto, Orillamar, Campo de Marte, Obelisco, praza de Pontevedra, Cidade Escolar e Os Rosales.

Os centros educativos que se verán afectados pola carreira ciclista serán os seguintes:

IES Durmiderias: Restricións de aparcadoiro en todo o barrio desde o día anterior, que estará ocupado polos vehículos (camións técnicos e coches) dos equipos. Haberá un corte do acceso polo paseo dos Menhires.

CIFP Ánxel Casal: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro a partir das 11.00 horas. Haberá restricións de aparcadoiro desde o luns 19, só se poderá aparcar dentro do recinto escolar (pero non desaparcar durante o día 22).

CPR Salesianos S. Juan Bosco: Non se poderá acceder desde ás 11.00 horas en coche á contorna do centro educativo. Haberá restricións de aparcamento durante todo o día e o anterior, no acceso do Paseo marítimo.

CEIP Eusebio da Guarda e IES Eusebio da Guarda: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro polo Paseo marítimo a partir das 11.00 horas. Afecta ao subministro do comedor escolar.

CPR Escravas do Sagrado Corazón: Non se poderá acceder nin saír en coche ao centro a partir das 11.00 horas. Saída de escolares: terán que cruzar o Paseo marítimo polo aparcadoiro subterráneo, baixando e subindo polas ramplas de acceso a peóns. Afecta ao transporte escolar, que tería que estacionar na explanada do Palacio dos Deportes.

IES Rosalía Mera e Residencia Universitaria Elvira Bao (UDC): Acceso exclusivo pola rúa Archer Milton Hungtington. Haberá restricións de aparcamento durante todo o día pola zona.

CEIP Emilia Pardo Bazán, EIM Os Rosales, CEI Trastes Os Rosales e EI Padre Rubinos: Terán acceso moi restrinxido en coche e autobús de 12.00 a 17.30 h. Afecta ao transporte escolar do CEIP EPB para 20 escolares do CEIP do poboado O Campanario (O Portiño). Afecta ao subministro do comedor escolar.

CPR Calasancias e CPR Calasanz PP Escolapios: Restricións de aparcadoiro e mobilidade en todo o barrio dos Rosales. Acceso restrinxido aos Rosales pola estrada dos Fortes en Madeiras Peteiro; e saída pola rolda de Outeiro dirección saída cidade. Afecta ao alumnado que vive nos Rosales.

CEIP San Pedro de Visma: Afecta ao alumnado que vive nos Rosales e no poboado do Campanario.

O Gran Camiño

A terceira edición do Gran Camiño retransmitirase en directo a máis de 170 países e é un dos eventos deportivos do ano en Galicia. O Goberno de Inés Rey convida a cidadanía a asistir como público a esta competición. Para a súa seguridade, haberá habilitados diferentes pasos peonís que serán abertos e pechados en función do paso dos ciclistas polo circuíto. Haberá persoal municipal en cada un deles para indicarlle ao público cando pode cruzar a calzada.

A etapa coruñesa terá a Torre de Hércules, no seu décimo quinto aniversario como Patrimonio da Humanidade, como punto de saída e chegada. Está prevista a participación de 120 ciclistas, que partirán un a un desde o faro, levando a cabo un percorrido de 14,9 quilómetros que atravesará o Paseo marítimo, os barrios de Cidade Escolar, Labañou, Os Rosales e O Portiño, desde onde os participantes regresarán polo paseo marítimo ata a Torre. Está previsto que o primeiro corredor saia ás 14.40 horas.

O Gran Camiño xa é un referente nacional e internacional, formando parte do calendario internacional da UCI e sendo escollido no 2022 como mellor evento deportivo de Galicia.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión