Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

9 de abril de 2026

O Concello creará un grupo de traballo con participación veciñal para a modificación do PXOM do Parque da Agra

O pleno aprobou definitivamente a Ordenanza Reguladora do Servizo de Axuda no Fogar

O Goberno Municipal da Coruña e o Grupo Municipal do BNG acordaron hoxe crear unha mesa específica de traballo para a tramitación da aprobación inicial da modificación puntual do PXOM co obxecto de ordenar o parque da Agra, polígono M22, para executar a Sentenza número 620/2015 e darlle efectividade ao convenio asinado entre o concello e Dricar de inversiones SL. A dita mesa de traballo facilitará a participación da veciñanza a través das entidades veciñais representativas da Agra do Orzán, co obxecto de compartir con eles o cambio na planificación urbana deste ámbito. Os traballos levaranse a cabo durante o mes de abril para abordar a tramitación da aprobación inicial da modificación puntual do PXOM no Pleno ordinario do mes de maio.

Así, co fin de facilitar a participación e de lle dar a maior a transparencia a un proxecto que permitirá a creación do novo Parque da Agra, o executivo pospón durante un mes a aprobación inicial da modificación do planeamento, co fin de darlle maior difusión e permitir a execución dun plan que acade o máximo consenso para transformar o barrio da Agra dotándoo dunha gran zona verde de uso público. 

Servizo de axuda no fogar

O Pleno aprobou definitivamente a Ordenanza municipal reguladora do servizo de axuda no fogar (SAF), tras a súa aprobación inicial na sesión do pasado 15 de xaneiro e unha vez rematado o trámite de información pública. No marco dese procedemento, o Grupo Municipal Popular presentou unha alegación, que foi rexistrada fóra de prazo e desestimada polo Pleno, que aprobou tamén de forma definitiva o novo texto da ordenanza.  

A renovación da ordenanza responde á necesidade de adaptar a regulación municipal do SAF ao marco normativo vixente e de ordenar con máis claridade a prestación dun servizo esencial. A nova redacción actualiza as modalidades do servizo, os procedementos de acceso, os criterios de intensidade da atención, os dereitos das persoas usuarias e o sistema de capacidade económica e copagamento, en coherencia coa normativa autonómica aplicable. 

A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, sinalou que esta actualización "responde á necesidade de adaptar e ordenar mellor un servizo esencial dándolle máis seguridade xurídica e un marco máis claro tanto para as persoas usuarias como para o propio Concello". A edila subliñou tamén que o novo texto "permite reforzar a coherencia do servizo co marco legal vixente e avanzar nunha regulación máis clara, máis moderna e mellor ordenada do SAF".

Plan municipal de prevención de incendios forestais

A modificación do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, que xa foi aprobado inicialmente no Pleno do pasado mes de decembro, recibiu hoxe a luz verde definitiva. A actualización do procedemento reforza a protección dos predios e a xestión da biomasa para evitar a propagación de lumes no ámbito rural e busca mellorar a coordinación de esforzos e o control dos factores de risco. 

A concelleira apuntou que o novo documento comprende terreos nas cinco parroquias que integran a cidade (Elviña, Oza, San Cristovo das Viñas, Visma e A Coruña) e afectará, sobre todo, á zona periurbana suroeste do termo municipal: A Zapateira, Feáns e San Pedro de Visma. En xeral, zonas con menos densidade e máis edificacións illadas.

O número de predios incluídos no rexistro de terreos para rozar na Coruña era ata agora de 1.192. Coa modificación establecida no Plan pasan a ser máis do dobre, ata 2.551, polo que se amplía substancialmente o ámbito de actuación e vixilancia das condicións dos terreos potencialmente vulnerables á xeración do lume. 

"Coa aprobación desta modificación do Plan de incendios, o Goberno local reforza o seu compromiso coa protección das vivendas, empresas e outras edificacións dos barrios rurais da cidade e coa preservación da contorna", indicou a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira.

Outros asuntos

Por outra banda, no Pleno a alcaldesa, Inés Rey, tamén leu unha declaración institucional de apoio ao pobo xitano, con motivo da celebración do Día Internacional do Pobo Xitano o pasado mércores. 

Ademais, a alcaldesa tamén leu a declaración institucional promovida pola Federación Española de Municipios e Provincias -da que Rey é vicepresidenta- a favor das cidades universalmente accesibles.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión