Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

17 de marzo de 2024

O Concello creará un novo percorrido peonil de case 400 metros na rúa Roma, na Zapateira

Os traballos permitirán solventar unha necesidade do barrio, reforzando a seguridade das persoas nun enclave onde é habitual o tránsito de escolares

O Concello da Coruña iniciará nos vindeiros días as obras de construción dun novo percorrido peonil na rúa Roma, que permitirá conectar a beirarrúa da avenida Nova York co acceso principal ao centro educativo situado ao final da rúa, na Zapateira.

A rúa Roma, un vial de 380 metros de lonxitude que une a avenida Nova York coa rúa Augaceiros, pasa fronte a outro centro educativo, bordea o sector traseiro do campo municipal de fútbol da Zapateira e desemboca na entrada principal ao colexio Andaina. A día de hoxe, a rúa Roma é unha vía na que está habilitada a circulación do tráfico rodado en dobre sentido, mais non conta con beirarrúas por falta de espazo público dispoñible, "unha carencia que imos solucionar proximamente, co obxectivo de crear espazos peonís nun enclave onde é prioritario reforzar a seguridade das persoas, especialmente polo tránsito diario de escolares", expuxo hoxe a alcaldesa, Inés Rey.

Polo estreita que é a rúa Roma, a previsión do Concello pasa por executar a nova senda peonil aproveitando as marxes e noiros vexetais da estrada -espazos de titularidade pública- para que o percorrido peonil teña sempre, como mínimo, unha anchura dun metro. Será máis ampla nos sectores onde haxa máis superficie dispoñible.

Desta forma, será posible manter a configuración actual da rúa Roma, con dous sentidos de circulación para o tráfico rodado, incorporando ademais este novo percorrido peonil, inexistente ata agora.

O treito específico das e dos peóns, cunha cor diferenciada para visibilizalo

O Concello acometerá a retirada do mobiliario, sinais e postes dispostos ao longo do que será o novo percorrido peonil. Desta forma, liberaranse espazos necesarios para a circulación das e dos peóns, sen obstáculos, por exemplo, para persoas con mobilidade reducida.

Xa posteriormente, acometerase a disposición dun novo pavimento de resina que delimitará o espazo segregado para o tránsito das e dos peóns. Neste sentido, o percorrido peonil terá unha cor diferenciada, en ocre, para facelo máis visible tanto para as persoas usuarias como para as e os condutores de vehículos. Ademais, co obxectivo de reforzar a seguridade viaria, instalaranse captafaros e diversas balizas separadoras entre a calzada e o percorrido peonil, cunha distancia de cinco metros entre cada unha delas.

Cómpre destacar, a maiores, que o plan de obra inclúe a creación dun novo paso peonil entre o acceso a un centro escolar e a pista polideportiva que hai fronte ao dito centro educativo, unha medida coa que o Goberno municipal busca mellorar os itinerarios dos escolares no seu día a día, facéndoos máis seguros.

A previsión do Concello é que os traballos se executen no prazo dun mes, a contabilizar desde a data da súa posta en marcha, prevista nas vindeiras semanas. 

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión