30 de decembro de 2025
A Xunta de Goberno Local deulle luz verde á conxelación das tarifas do bus
A Coruña conxelará as tarifas do bus mantendo as bonificacións no servizo de autobús urbano, unha medida cofinanciada polo Concello e o Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible (MITMA), co obxectivo de seguir impulsando o transporte público compartido como medio para desprazarse polo termo municipal.
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá de que o Concello implantará o vindeiro 1 de xaneiro o cadro de tarifas actualizado conforme aos termos establecidos no Real decreto-lei 17/2025, do 23 de decembro, que estipula o rango de bonificacións de abonos e títulos multiviaxe neste sentido, que no caso da cidade herculina se lles aplica ás persoas usuarias da tarxeta Millennium.
Actualmente, as e os posuidores desta tarxeta poden viaxar no autobús urbano da Coruña aproveitando as diversas tarifas existentes: xeral (0,45 €), social (0,12 €), universitaria (0,15 €) e o perfil xove (0,45 €). Todas elas, con bonificacións e descontos de entre o 50% e o 40% sobre o custo habitual sen redución.
Neste sentido, o novo réxime de tarifas daralles continuidade ás reducións vixentes e, ademais, prevé un custo sensiblemente menor no perfil xove, creado en novembro deste ano para o segmento de idade de 15 a 30 anos, e que agora pasará dos 0,45 aos 0,38 €.
"Estamos comprometidos cunha Coruña que tanto no presente como no futuro sexa un exemplo das políticas de mobilidade sostible. Un dos camiños que cómpre seguirmos é o reforzo e mellora do transporte público; e os informes anuais do número de viaxes en autobús urbano reflicten que a bonificación das tarifas ten un impacto positivo a este respecto, ao facer máis asequibles os desprazamentos pola cidade e ofrecer unha alternativa real ao uso do vehículo particular", indicou Rey, que lembrou que o réxime de tarifas para as persoas usuarias da tarxeta Millennium tamén recolle a gratuidade do servizo para as e os menores de 15 anos, que seguirá vixente o ano que vén.
O convenio de Santa Lucía amplíase por dous anos máis
A aprobación do novo cadro de tarifas do servizo de transporte urbano foi un dos asuntos máis destacados na orde do día da Xunta de Goberno Local realizada esta mañá, que tamén lle deu luz verde á primeira addenda ao convenio de colaboración entre o Sergas e o Concello para construír o novo centro de saúde de Santa Lucía.
O acordo, asinado a mediados deste ano, establece os compromisos económicos, técnicos e administrativos de ambas as partes. Entre eles, a vixencia do propio convenio, que agora se estenderá dous anos, en virtude do período de garantía da obra.
Os traballos para rehabilitar Santa Lucía e habilitar un centro de saúde que lle preste servizo á veciñanza de barrios como A Falperra e O Ensanche arrincaron en novembro deste ano e constitúen un dos principais compromisos asumidos polo Executivo de Inés Rey neste mandato. Cun prazo de execución de 15 meses, as estimacións previstas son que as obras conclúan en febreiro do ano 2027.
Investimento de 3,8 millóns en novos puntos limpos de proximidade
Ademais, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso do contrato de subministro de 70 novos puntos limpos de proximidade, unha medida coa que o Concello busca dar continuidade ás melloras no servizo de recollida de residuos, promovendo a súa separación en orixe. Neste caso, de residuos domésticos especiais.
O investimento previsto, de 3,8 millóns de euros, está financiado con fondos europeos Next Generation, correspondentes ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Aprobado o proxecto da ordenanza reguladora do SAF
Noutra orde de asuntos, este martes tamén se aprobou o proxecto da ordenanza reguladora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que actualiza a regulación municipal vixente desde 2010 (modificada en 2012) para adaptala aos cambios normativos producidos en Galicia e no sistema de dependencia.
Coa proposta de actualización, o Concello busca garantir máis seguridade xurídica, equidade no acceso e coherencia co marco legal actual. Neste sentido, a ordenanza clarifica as modalidades do servizo (dependencia, libre concorrencia e urxencia), os procedementos de acceso, as prioridades e a intensidade da atención, facendo o funcionamento do SAF máis transparente e previsible para as persoas usuarias e as súas familias.
Ademais, actualízase o sistema de cálculo da capacidade económica e do copagamento conforme á normativa autonómica. Por este motivo, a ordenanza do SAF tramítase de forma coordinada coa ordenanza fiscal correspondente, garantindo unha aplicación correcta e homoxénea.
A nova regulación reforza o seguimento, a coordinación e o control da prestación do servizo, incorporando criterios técnicos actualizados que permiten unha atención domiciliaria máis eficaz e adaptada ás necesidades reais da poboación.
Camiño aberto á creación doutras dúas pistas multideporte
Tamén este martes, a Xunta de Goberno Local aprobou a transferencia de crédito necesaria para iniciar os trámites administrativos previos á creación de dúas novas pistas multideporte na cidade da Coruña.
Ao longo deste ano, o Executivo de Inés Rey habilitou varias instalacións deste tipo, públicas e ao aire libre, en barrios como Os Rosales e a Silva. Ademais, xa está en construción o primeiro equipamento deste tipo na Urbanización Breogán.
Agora, a previsión do Concello é habilitar outras dúas máis entre Catro Camiños e a Cubela, na praza Elvira Bao Maceiras, e tamén en Lonzas, a carón da avenida de Cádiz.
DESCARGA AQUÍ as tarifas do transporte urbano na Coruña desde o 1 de xaneiro de 2026 (1 MB)
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible