Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de marzo de 2023

Ademais, o Concello e o Circo de Artesáns traballan na recuperación do arquivo e a biblioteca da entidade, incorporando os fondos á rede de Bibliotecas Municipais para abrilos ao uso xeral da cidadanía

O Concello da Coruña abre unha nova sala de estudo no centro cívico de Artesáns, que estará operativa de luns a domingo, en horario de mañá e tarde

A instalación, que mañá abre ao público, conta con 237 metros cadrados e está situada no segundo andar do centro cívico

O Concello da Coruña vén de culminar a instalación dunha nova sala de estudo no centro cívico de Artesáns, un recinto de 237 metros cadrados que, coa súa posta en marcha, permite incrementar os espazos dispoñibles para o estudantado na cidade. A nova sala de estudos quedará aberta mañá para todos aqueles estudantes que desexen empregala.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, visitaron esta mañá as instalacións do centro cívico, situado na rúa de San Andrés, 36, que acolle esta nova sala de estudos no segundo andar, onde están ubicadas a biblioteca e a hemeroteca do inmoble. A súa apertura chega tras a sinatura dun acordo de colaboración entre o Goberno municipal e a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, que cede o uso do recinto ao Concello por un período de dez anos, de forma gratuíta.

Inés Rey subliñou a relevancia deste convenio "pola demanda de espazos de estudo que existe entre o colectivo de estudantes da cidade". A disposición desta nova sala de estudo en Artesáns vén motivada pola necesidade de dotar á zona centro dun recinto adecuado para este tipo de actividades comunitarias, cun horario máis amplo e tamén con operatividade nas fins de semana.

A este respecto, a rexedora trasladou o agradecemento do Goberno municipal á Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, entidade dirixida por Roberto Parga Abeleira, "pola implicación amosada á hora de poñer en marcha esta iniciativa, que dinamiza a participación comunitaria e amosa que a cidadanía, o tecido asociativo e o Concello, traballando de forma conxunta, poden atopar solucións moi útiles para as persoas".O horario de actividade da sala de estudo de Artesáns

Desde mañá, a sala de estudos de Artesáns abrirá de luns a domingo, de 9.00 a 22.00 horas, cunha hora de peche entre as 14.30 e as 15.30 horas, para ventilar e limpar a sala. A instalación estará dispoñible para o uso da cidadanía durante todo o ano, a excepción dos días festivos locais e autonómicos, o sábado e domingo da Semana Santa, e os días 24 e 31 de decembro, no contexto das festas de Nadal.

Os traballos de acondicionamento na nova sala de estudos de Artesáns, executados polo Concello, supuxeron un investimento de 40.000 euros. A instalación está equipada con cargadores electrónicos, para facilitar o uso de dispositivos informáticos. Ademais, e co obxectivo de cumprir os estándares normativos en termos de aforro e eficiencia enerxética, a sala está iluminada con luces LED de baixo consumo.

A recuperación dos fondos documentais do Circo de Artesáns

En paralelo, o Concello e o Circo de Artesáns están a traballar, de forma conxunta, na recuperación dos fondos documentais da entidade, tanto os da biblioteca como os do arquivo do Circo de Artesáns.

As tarefas, que deron comezo o ano pasado, implican a clasificación de algo máis de 8.200 libros da biblioteca do Circo de Artesáns, así como a posterior catalogación da colección, que abrangue exemplares adquiridos pola entidade desde a súa fundación, e que nalgúns casos remóntanse ao século XVIII. A maior parte, en todo caso, editáronse entre o século XIX e o ano 1960. Os exemplares xa clasificados incorporáronse ao catálogo da rede de Bibliotecas Municipais, "co obxectivo de facilitar o seu acceso á cidadanía", tal e como apuntou a alcaldesa, Inés Rey.

Ademais, e tamén desde o 2022, o Concello e o Circo de Artesáns están a executar un plan de restauración da documentación histórica do arquivo da institución, que abrangue libros de actas, fotografías e resultados de contas, entre outros documentos vencellados á xestión da sociedade e que son de interese para a entidade e a cidadanía da Coruña. Centralizouse o catálogo físico no depósito da biblioteca e, ademais, iniciouse a creación dunha base de datos e un cadro de clasificación que faciliten a disposición dun inventario do fondo. 

A creación deste novo arquivo supuxo o tratamento de 227 documentos gardados en 34 caixas, traballos aos que se dará continuidade este ano e que, nunha segunda fase da actuación, implicaría a dixitalización e difusión do contido do arquivo.

A colaboración entre o Concello e o arquivo do Circo de Artesáns seguirá neste 2023, coa previsión de acometer a análise e control das condicións ambientais da biblioteca e o depósito do arquivo, con vistas a implantar medidas correctoras. Ademais, o Concello e a entidade darán seguimento ao plan de restauración dos fondos documentais, en fases. De inicio, actuarase sobre as seccións de Estudos Lingüísticos e Literarios, Teatro, Poesía, Narrativa, Biografías, Artes, e Xeografía e Lugares.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión