Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

30 de maio de 2016

O Concello da Coruña asina un protocolo de colaboración co de Madrid para "establecer e compartir ferramentas para o fomento da Participación Cidadá"

Claudia Delso indica que “detrás deste convenio hai unha nova maneira de proceder, que é a de apostar pola cooperación entre institucións para poñer en marcha políticas radicalmente abertas en canto á gobernanza da cidade”

O Concello da Coruña vén de asinar esta mañá un protocolo de colaboración co Ayuntamiento de Madrid que ten como finalidade fixar obxectivos comúns no ámbito da participación directa e individual da cidadanía nas decisións dos gobernos locais, así como "articular a colaboración de ambas as dúas partes no estabelecemento dun marco de entendemento que permita esa participación cidadá" e "colaborar para articular as ferramentas necesarias para o desenvolvemento do modelo de participación cidadá". O acordo foi firmado pola concelleira de Participación Cidadá e Innovación Democrática, Claudia Delso, e o seu homólogo no concello madrileño, Pablo Soto.

A responsable municipal explicou que o Concello da Coruña leva xa meses traballando a favor deste obxectivo, para implementar novos mecanismos que favorezan a participación cidadá."Non obstante, no día de hoxe concretamos un documento marco referido ao protocolo de colaboración que estamos establecemento en relación á plataforma que presentamos a semana pasada pola que a veciñanza poderá decidir de xeito directo en que quere empregar unha parte do presuposto municipal para o vindeiro ano", comentou Delso, en relación ao proceso de creación de Orzamentos Participativos, que conta cunha plataforma dixital (www.aportaaberta.coruna.es) onde a cidadanía poderá tanto facer as súas achegas como votar as distintas propostas formuladas.

En concreto, e en base ao traballo compartido e en rede, a nova plataforma posta en marcha polo Concello da Coruña está inspirada na desenvolta polo Ayuntamiento de Madrid (decide.madrid.es). "Igual que xa antes o fixo Barcelona ou Oviedo, aproveitamos e adaptamos o traballo xa feito noutro municipio a través dun recurso de software libre", destacou a edil. "Detrás deste convenio, hai unha nova maneira de proceder e de facer política, que é apostar pola cooperación entre institucións para poñer en marcha políticas radicalmente abertas en canto á gobernanza da cidade", dixo.

A Coruña, referente para outras cidades

Delso explicou que "esta nova de facer política está baseada na colaboración, non na competencia". "Somos moitas cidades traballando xuntas e compartindo tecnoloxía e coñecemento", salientou. Ao fío, a responsable de Participación, indicou que outros municipios están tamén baseándose nas metodoloxías que o Concello da Coruña está a levar a cabo en todos os procesos participativos englobados dentro de A Porta Aberta, por exemplo, nos actos presenciais de organización de distritos. "O noso traballo pode ser referencia noutras cidades, e apostamos por colaborar e compartir", comentou.

A concelleira salientou que a plataforma dixital que sostén o proceso de Orzamentos Participativos "vai na liña de aproveitar os desenvolvementos feitos en todo o proceso da Smart City". "Nos últimos anos a verdade é que se moito se falou deste proxecto de cidade, pero pouco se explicou, e cremos que este é un exemplo da súa aplicación práctica e de como pode mellorar a vida das persoas". "O obxectivo é que este tipo de plataformas se vinculen ás novas políticas de participación, onde a veciñanza ten un papel activo e fundamental", engadiu.

Pola súa banda, Pablo Soto, delegado del Área de Gobierno de Participación Ciudadana, Transparencia y Gobierno Abierto de Madrid, destacou que "A Coruña é unha das cidades de referencia en canto á participación e a innovación democrática para todo o Estado e para Europa". O concelleiro salientou que o convenio asinado hoxe "aposta por integrar nas institucións o que se vén desenvolvendo desde hai tempo na sociedade civil, a construcción entre todas e todos cidades democráticas a través da colaboración e a posta en común dos recursos".

Protocolo

O documento asinado entre Delso e Soto especifica que o Concello da Coruña poderá utilizar todos os coñecementos e ferramentas que poña a súa disposición a Área de Gobierno de Participación Ciudadana de Madrid para poñer en marcha mecanismos de participación cidadá de carácter directo e individual como, por exemplo, procesos de Propostas Cidadás, de Audiencias Públicas sobre actuacións concretas e de Orzamentos Participativos. O convenio establece que o Concello coruñés poderá "empregar, compartir e adaptar" a experiencia do municipio madrileño. Do mesmo xeito, ambos concellos póñense "a disposición de terceiros para difundir este modelo de participación cidadá directa e individual, colaborando na medida que resulte posible".

Por outra banda, mañá comezan os encontros presenciais dentro do proceso dos Orzamentos Participativos cunha xuntanza á que están convocadas as entidades presentes no Rexistro Municipal de Asociacións da Coruña (REMAC). Neste encontro, que terá lugar na Domus ás 19.30 horas, a Concellería de Participación trasladará ás e aos asistentes información sobre o proceso posto en marcha a semana pasada, á fin que as entidades veciñais, culturais e sociais poidan crear os seus propios espazos de debate. A partir do 1 de xuño desenvolveranse outros 12 encontros de debate en instalacións municipais para coñecer as necesidades dos barrios e da cidade, comezando o mesmo mércores no Pazo de María Pita ás 19.00 horas.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión