17 de xaneiro de 2018
O alcalde, Xulio Ferreiro, e o seu homólogo Joán Ribó acordaron a posta en marcha de accións promocionais “encamiñadas a mellorar o posicionamento de marca e imaxe de ambos destinos de forma combinada”
Os concellos da Coruña e de Valencia asinaron este mércores no marco da Feira Internacional de Turismo de Madrid (FITUR) un protocolo de colaboración entre os seus consorcios de turismo que ten como fin desenvolver accións de promoción conxuntas e complementarias de cara a dar a coñecer e favorecer os desprazamentos a ambos destinos. Así, nun acto presidido polo alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, e o seu homólogo valencián, Joán Ribó, e ao que tamén acudiron o presidente do Consorcio de Turismo da Coruña, Alberto Lema, e a xerenta do ente municipal, Lanzada Calatalayud, ambas cidades manifestaron a súa vontade de "establecer accións que contribúan a acadar mellores resultados en canto ao posicionamento de marca e imaxe de ambos destinos de forma combinada". "As accións a desenvolver irán encamiñadas, tamén, a potenciar o incremento de novos e novas turistas", indicou o primeiro edil coruñés, que recordou que o goberno local coruñés "considerou e considera que a conexión por avión con Valencia é estratéxica, de aí que a manteña no seu convenio coa compañía Vueling e de aí que o pasado ano se variase a frecuencia dos vóos, na busca de horarios que conviñesen mellor tanto aos e ás viaxeiras de negocios, como a aquelas qe buscaban o ocio que ofertan as dúas cidades".
"Ambas cidades somos conscientes de que existen moitísimas posibilidades de actuación conxunta, que van dende presentacións promocionais de ambos destinos, a campañas para favorecer un circuíto turístico", comentou Ferreiro, que salientou que "sendo dúas cidades distintas, existen unhas converxencias fundamentais, como o feito de ser dous espazos marcados polo mar, que imprime un carácter aberto e acolledor".
O protocolo de colaboración establece unha serie de liñas de actuación básicas como son a promoción da oferta turística cruzada mediante talleres de traballo con profesionais do sector turístico, a difusión do voo A Coruña-Valencia-A Coruña a través de todos os medios posibles, e a realización de accións promocionais da oferta gastronómica a través da marca Saborea España, que aglutina os dous destinos.
O documento asinado entre os alcaldes Ferreiro e Ribó indica tamén que tanto o Consorcio de Turismo da Coruña como a entidade Turismo Valencia elaborarán un Plan de Traballo conxunto no que se concretarán prazos e orzamentos asociados ás distintas liñas de traballo, así como unha Memoria de actuacións, onde se recolla e resuma os traballos realizados e os resultados obtidos. "Este convenio de colaboración ten vocación de continuidade, de ser un documento vivo, xa que se irá ampliando coas diversas accións que vaiamos acordando poñer en marcha", dixo o rexedor, que avanzou que a pretensión de ambas entidades e articular unha Comisión de Seguimento, constituída por representantes de ambas administracións de cara a analizar as accións promocionais e os seus resultados.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible