3 de agosto de 2015
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recorda que este tipo de crimes non están contemplados na Lei de Violencia de Xénero, "aínda que están claramente vinculados"
O Concello da Coruña levou a cabo ás doce deste mediodía un paro simbólico diante do Pazo de María Pita para visibilizar a súa repulsa contra o dobre crime de Moraña. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, recordou que este terrible suceso “amosa, unha vez máis, a utilización de menores como arma para a vinganza contra as mulleres”.
Finalizado o paro simbólico, ao que acudiron representantes das catro formacións con presenza no Concello, a titular de Igualdade manifestou o apoio que a corporación municipal quere amosar á familia das vítimas. “Por outro lado, tamén hai que destacar que estes asasinatos non están contemplados na Lei de Violencia de Xénero, aínda que entendemos que son crimes claramente vinculados a este tipo de violencia: o sentimento de propiedade dun home coas súas fillas, e de vinganza cara a súa parella”, indicou.
Fraga recordou que a súa concellería traballa nun programa de sensibilización. Agora mesmo, o departamento de Igualdade e Diversidade acaba de poñer en marcha a campaña por unas festas libres de violencias machistas. “Non se trata de ver só a punta do iceberg e quedarnos con determinados casos de violencia de xénero. Hai que visibilizar que existen outros tipos de violencias que deben ser contempladas tamén como tal. Traballamos nesa liña, para etiquetar como violencia de xénero todas aquelas que se exercen en nome do patriarcado”, explicou.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible