2 de novembro de 2015
A concelleira de Igualdade, que participará o vindeiro sábado en Madrid na marcha estatal contra as violencias machistas, convida á veciñanza a participar neste acto e recorda que da Coruña sairán buses gratuítos
O Concello da Coruña quere amosar a súa enérxica condena ante o crime machista perpetrado onte en Elche (Alicante). A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, insistiu na urxente necesidade de que “as administracións competentes aborden a loita contras as violencias machistas como unha cuestión de Estado, porque iso é xustamente o que é”.
Fraga asistirá o vindeiro sábado, 7 de novembro, a marcha estatal contra as violencias machistas que se celebra en Madrid. A concelleira recordou a necesidade de que “representantes de todas as institucións do Estado español con responsabilidade nas políticas de igualdade participen tamén neste acto para visibilizar a repulsa e o compromiso por acabar coa lacra dos feminicidios”. Así mesmo, tamén convidou a toda a cidadanía a participar nesta marcha reivindicativa e recordou que da Coruña partirán dous autobuses gratuítos cara a Madrid que sairán da cidade a noite do día 6 para regresar na tardenoite do 7 (as prazas poden reservarse na dirección 7ncoruna@gmail.com).
“É necesario que a cidadanía condene rotundamente asasinatos como o que tivo lugar onte en Elche e tome unha parte activa para eliminar as violencias de xénero e machistas da sociedade”, insistiu a concelleira Fraga.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible