30 de decembro de 2015
A concelleira de Igualdade e Diversidade salienta a "urxencia" da formulación dun "pacto social" contra as violencias machistas
O Concello da Coruña quere amosar a súa condena ante o crime machista perpetrado onte pola noite na localidade pontevedresa de Mos e envía as súas condolencias a familiares e amizades da vítima. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, cualificou de “demoledor” o número de mulleres asasinadas este ano en Galicia e no Estado. “Ningunha sociedade democrática pode tolerar este crime en pleno século XXI”, sinalou a edil, quen salientou a “urxencia” de convocar “un pacto social contra as violencias machistas que implique a cidadanía, ás entidades activas na atención das violencias de xénero e ás institucións”. Neste sentido, a responsable municipal lembra “a responsabilidade das autoridades competentes” e e esixe unha maior dotación orzamentaria por parte das administracións autonómicas e do Goberno central para traballar na prevención e eliminación das violencias machistas, así como reforzar protocolos e servizos de atención ás mulleres en todo o Estado.
“É insostible vivir nesta situación de alerta por violencias machistas”, considerou Fraga, quen afirmou que “o cambio real da sociedade ten que vir do esforzo colectivo para acabar con esta pandemia que vulnera os dereitos das mulleres”. Nesta liña, a edil de Igualdade fixo un chamado a apoiar a concentración de repulsa contra este asasinato e contra as violencias machistas que promove o Movemento Feminista Galego cada vez que se produce un crime deste tipo, e que terá lugar no Obelisco ás 20.00 horas do venres 1 de xaneiro, ao día seguinte da publicación nos medios.Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible