Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

31 de marzo de 2023

O novo parque do Observatorio contará con novas zonas de lecer. En paralelo, e como ata agora, a AEMET seguirá coas súas actividades habituais nas dependencias da delegación

O Concello da Coruña e a AEMET retirarán os muros do parque do Observatorio, na Agra do Orzán, para abrilo ao público creando unha zona verde no barrio

O Goberno municipal asumirá os traballos de acondicionamento da parcela e tamén o derrubamento do muro perimetral que arrodea os terreos da AEMET, abrindo o parque ás rúas Canceliña, Páramo e Gregorio Hernández

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Miguel Ángel López González, asinaron esta mañá o protocolo de actuacións que permitirá a apertura do parque do Observatorio nos terreos pertencentes á AEMET no barrio da Agra do Orzán.

Baseándose neste protocolo, o Concello e a Axencia subscriben un acordo que facilitará o derrubamento do muro perimetral que arrodea os terreos da AEMET, parcela na que se creará un novo parque público. "O noso obxectivo é a súa apertura inmediata e, a medio prazo,  actuar neste enclave para dispoñer alí diversos espazos de ocio para a cidadanía", apuntou a alcaldesa, Inés Rey. Na contorna máis próxima á sede da delegación da AEMET instalarse un valo por motivos de seguridade, mais o resto da parcela será totalmente accesible para as veciñas e veciños que queiran acceder a esta parte.

A rexedora detallou polo miúdo as cláusulas deste protocolo, segundo o cal o Goberno municipal asume os traballos necesarios para acondicionar unha superficie de aproximadamente 5.000 metros cadrados, asegurando todas as vías de acceso tanto ás zonas verdes como á sede da delegación da AEMET. Tamén a instalación do valo interior. Pola súa banda, a Axencia facilita ao Concello o acceso e uso do terreo non edificado que é propiedade da AEMET, "co obxectivo de darlle uso como unha nova zona verde para o barrio da Agra".

Miguel Ángel López González, presidente da AEMET, amosou tamén a súa satisfacción coa sinatura do protocolo. "É un pracer que poidamos compartir as instalacións. Hai oito anos repetín esta visita polo mesmo tema, xunto con outro equipo, e non se puido culminar. Foi unha mágoa. Falouse sempre de posibilidades e, por fin, coido que esta vez si".

Unha demanda histórica que se remonta a hai case 40 anos

Na rolda de prensa previa á sinatura do protocolo, Inés Rey agradeceu aos veciños da Agra do Orzán "a súa paciencia tras décadas de agarda, tamén a súa forza á hora de manter viva unha demanda xusta para todas as persoas que residen no barrio".

A petición dunha grande área verde no Agra do Orzán remóntase xa á decada dos oitenta, unha cuestión que tamén abordou a alcaldesa, lembrando que, xa por aquel entón, "a asociación veciñal do barrio pedía unha localización onde dispor de bancos e céspede, para que as nenas, nenos e os máis maiores do barrio, o máis densamente poboado da cidade, gozasen dun espazo de tranquilidade".

Neste sentido, a apertura do parque do Observatorio suporá a desaparición dos muros perimetrais correspondentes á AEMET, permitindo que as áreas verdes cheguen a rúas como Canceliña, Páramo e Gregorio Hernández.

O protocolo asinado este venres entre o Concello e a AEMET terá vixencia a partir de mañá, cunha duración de catro anos, sendo susceptible de prórroga.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión