Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

7 de outubro de 2015

O Concello da Coruña fai cumprir a normativa vixente e “limita a utilización de herbicidas na vía pública”

A Concellería de Medio Ambiente aposta por “unha cidade libre de tóxicos” e recorda que a medida adoptada “está xa moi estendida dende hai anos en diversas cidades de España e de Europa”

A Concellería de Medio Ambiente vén de comunicar as empresas concesionarias de xardinería e limpeza que traballan na cidade a aposta do Goberno local por limitar o uso na vía pública de herbicidas, principalmente aqueles que conteñen glifosato. A titular deste departamento, María García, explica que “con esta medida o Executivo dá cumprimento á normativa vixente sobre o uso destes produtos”, recollida no Real Decreto 1311/2012.

“Isto comunicóuselle ás empresas concesionarias do mantemento de parques e xardíns e de limpeza viaria para que non utilizasen este tipo de compostos sen ter unha autorización municipal expresa, tal e como recolle a normativa vixente a nivel estatal”, explica García. Ademais, o departamento de Medio Ambiente levou a cabo reunións cos representantes dos e das traballadoras destas entidades, para explicarlles a necesidade de adoptar estas medidas.

A intención da Concellería de Medio Ambiente é lograr que A Coruña teña a consideración de “cidade libre de tóxicos”. Con ese obxectivo está a enfocar as súas políticas “cara ao fomento da biodiversidade urbana, a renaturalización e o manexo ecolóxico e sostible dos parques e zonas verdes da cidade”. Ademais, “a consecución deste obxectivo traería aparellada unha rebaixa no custe económico do mantemento destes espazos”.

A Concellería de Medio Ambiente está a elaborar unha campaña de comunicación para concienciar á poboación da necesaria retirada destas prácticas, á vez que prepara unha recompilación de alternativas ao uso destas substancias, “como pode ser o uso de auga quente, a presión, desbroce, retirada mecánica con cepellón e outras tantas”. A concelleira agradeceu ás empresas concesionarias “a súa colaboración nesta importante mellora de cara a un manexo non tóxico da vía pública” e solicitou o seu apoio “na implementación de medidas que contribúan a protexer o medio ambiente e a saúde da poboación”.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión