6 de outubro de 2023
A alcaldesa, Inés Rey, trasladoulle ás rexedoras e rexedores o compromiso do Concello coa renovación de Nostián en termos de sostibilidade para cumprir coa normativa vixente
A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá coas rexedoras, rexedores e representantes institucionais dos oito concellos da área metropolitana que integran a xunta directiva do Consorcio das Mariñas, para a posta en común das liñas de acción que determinarán a próxima licitación do servizo de tratamento de residuos centralizado na planta de Nostián.
A alcaldesa trasladoulles aos concellos que forman parte do Consorcio das Mariñas a necesidade de renovar Nostián en termos de sostibilidade para poder cumprir coa normativa vixente que establece a obrigatoriedade do quinto contenedor. O Concello considera ao consorcio "un socio estratéxico" e por ese motivo invitou aos concellos do Consorcio a formar parte da mesa técnica que levará adiante a definición do proxecto para licitación de Nostián co obxectivo de ter en conta as súas aportacións e necesidades e de que a licitación esté definida nos próximos 100 días. Os asistentes aceptaron formar parte desa mesa na que participarán un representante político e un técnico do Consorcio.
O Concello deu conta aos alcaldes e alcaldesas do seu compromiso coa mellorar do modelo de Nostián cumprindo a normativa coa planificación da implantación progresiva do quinto contenedor, tal e como se acordou coa Xunta de Galicia, a partir do ano 2024.
A alcaldesa constatou que "existe unha vontade compartida de manter o proxecto de Nostián e melloralo" e valorou positivamente "a disposición de compartir a mellora do modelo e de traballar conxuntamente nestes tres meses para dar unha solución de presente e de futuro a Nostián".
Na reunión, Inés Rey estivo acompañada polo concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, e pola concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz. Por parte do Consorcio das Mariñas, ao acto asistiron José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo e presidente do Consorcio, María Barral, alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta do Consorcio, Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo, Óscar García, alcalde de Cambre, Francisco Javier Gestal, alcalde de Carral, José Ramón Riobóo, alcalde de Culleredo, María José Varela, tenente de alcalde do Concello de Oleiros, e Benito Portela, alcalde de Sada.
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible