Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

14 de xuño de 2022

Os martes 5, 12 e 19 de xullo o Quiosco Alfonso acollerá as sesións de gravacións dun "podcast" abertas ao público nas que se percorrerá a vida da actriz grazas á condución de María Lopo e as lecturas de actrices

O Concello da Coruña organiza unha ruta sobre a figura de María Casares e a gravación dun "podcast" sobre a vida da actriz

O historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo guiarán a ruta urbana os sábados 18 de xuño e 2 de xullo. Matilde Blanco e Gonzalo Uriarte lerán textos da propia María Casares e de Casares Quiroga

O Concello da Coruña organiza diferentes actividades para conmemorar a figura de María Casares no ano do seu centenario e co obxectivo de apoiar a dinamización da exposición retrospectiva sobre a actriz que acolle o Quiosco Alfonso até o vindeiro 24 de xullo. Deste xeito, e grazas á participación da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), desenvolverase un itinerario emocional que percorrerá as rúas da Coruña na que medrou María Casares e na gravación dun "podcast" biográfico en tres sesións que se celebrarán no propio Quiosco Alfonso. As dúas actividades serán abertas ao público e contarán coa participación de actores e actrices. 

A ruta disporá de dúas convocatorias, celebrándose a primeira delas este sábado, 18 de xuño. O percorrido urbano, que transitará por espazos de especial significado nos primeiros anos de María Casares, estará guiado polo historiador Emilio Grandío e a investigadora María Lopo e contará coa participación do actor Gonzalo Uriarte, quen se encargará de ler diferentes cartas que Santiago Casares Quiroga escribiu á súa filla, María Casares. Pola súa banda, Matilde Blanco poralle voz á propia Casares ao ler fragmentos das súas memorias 'Residente Privilexiada'. O punto de saída será a Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) ás 12.00 horas. A segunda convocatoria será o sábado 2 de xullo. 

Cada unha das rutas, que ten unha duración aproximada de dúas horas, conta cun total de 30 prazas e para acudir como público, cómpre facer unha inscrición previa a través do formulario que se habilitará dende mañá a partir das 10.00 horas na páxina web da AAAG: www.aaag.gal. A reserva de prazas será por estrito orde de inscrición e cada persoa poderá reservar un máximo dunha praza. 

"Podcast" biográfico

A segunda das actividades que organiza o Concello da Coruña coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) leva por título 'María Casares: da Coruña a Residente privilexiada'. Tratarase da gravación dun perfil biográfico a través da presentación de María Lopo, comisaria da exposición 'María Casares, actriz océano. Itinerario dunha exiliada', e a lectura dramatizada de diferentes actrices de textos importantes na traxectoria da célebre interprete nada na Coruña en 1922. 

A gravación, que se desenvolverá aberta ao público, dividirase en tres sesións que serán os martes 5, 12 e 19 de xullo ás 19.00 horas no auditorio do segundo andar do Quiosco Alfonso. Cada unha destas sesións centrarase nun aspecto fundamental de María Casares: a nenez na Coruña, o exilio e o teatro.

Ano Internacional María Casares

A mostra 'María Casares, actriz océano' é o eixo central do Ano Internacional María Casares. Esta iniciativa do Concello da Coruña xorde coa intención de identificar á actriz coa súa cidade natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

Entre os actos que se celebran, ademais desta mostra, destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición itinerante polas bibliotecas municipais, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental e un encontro internacional. O Goberno municipal de Inés Rey continúa deste xeito visibilizando ás grandes figuras femininas da cidade, como foi o caso, o pasado ano 2021, de Emilia Pardo Bazán.

Toda a información sobre este Ano internacional María Casares poderá consultarse a través da páxina web coruna.gal/mariacasares.

tríptico roteiro MC 2022 (979 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión